REMEDIOS CONTRA AS PICADURAS DE AVESPA

Cando non había nin cremas, nin ampolas, ni bolígrafos antipicaduras, o remedio ó que se recorría ante tales ataques pezoñentos era aplicar sobre a picadura unha moeda de cobre vello. Con iso conseguíase que o proído fose remitindo. Noutros lugares en vez da moeda de cobre empregábase un coitelo de ferro ou aceiro, que se aplicaba do mesmo xeito cá moeda.

Por Rafael Quintía

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:33 pm  Deixar un comentario  

REMEDIO CONTRA AS ESPULLAS

Contan os vellos de Salcedo que o mellor que hai para elimina-las espullas, co permiso do San Benitiño de Lérez, é o leite de figo ou a seiva da figueira. A mellor forma de collela é ó separar da súa póla unha folla ou un figo. Ese leite que se solta polo pedúnculo cortado é o que se debe aplicar directamente sobre a espulla.

 

Outro dos remedios que contan é aplicar a seiva amarela da caledonia. Para obtela só hai que cortar un dos sus finos talos ou follas e, ó igual que co leite de figo, aplícase directamente sobre a espulla.

 

Tamén hai quen deixaba durante un tempo unha moeda de cobre metida nun tarro con aceite e despois aplicaba coa moeda este aceite sobre a espulla.

Por Rafael Quintía

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:32 pm  Deixar un comentario  

OUTROS AMULETOS E OBXECTOS VALEDORES DE ORIXE ANIMAL

Camisa de cobra:

Obxecto valedor. A muda da serpe refracta a ollada maligna.

 

Corna de vacaloura:

Obxecto valedor. As tenaces dos escornabois gardan o fogar das artes do demo, do aghinido, do ollado e da antaruxada.

 

Cairo de xabaril:

Obxecto valedor. Os cabeiros do porco bravo gardan os desvalidos da ameaza do intanxible.

 

Por Calros Solla

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:31 pm  Deixar un comentario  

O ALICORNIO

Alicornio é o nome que se lle da ó corno do mitolóxico Unicornio. Tamén recibe os nomes de Alicor, Alicorno, Alicorne, Alicornia, Licorno, Licornia e Licornio.

 

O Unicornio amosa unha especial resistencia á maxia, é inmune ós feitizos, ós conxuros de morte e ó veleno. De aí os poderes curativos que se lle atribúen ó seu corno, o alicornio.

 

O poder deste corno (Alicornio) ou das suás raspaduras era excepcional, e existían unha chea de aplicacións dentro da farmacopea popular. Así, segundo a nosa tradición menciñeira este corno tiña a virtude de combate-lo mal de ollo, o meigallo, o tangaraño, as dores de parto, doenzas estomacais, a epilepesia e, sobre todo, neutralizaba tódolos velenos. Emprégase tamén contra as cobras para que non mamen o leite das vacas nin o das mulleres.

 

Contra o coxo aplícase o corno de Alicornio bendicido  pasándoo pola parte dorida,  facendo cruces e sacudindo.

 

Mesturado con leite e facéndolle tres cruces por riba dáselle a beber ó enfermo. A serpe que bebe este preparado morre instantánea. Hai tradicións que afirman que se se fai unha liña cun alicornio ningún animal velenoso poderá traspasala e, ademais, ten o poder de facer morrer  calquera planta ou animal  nocivo que estivese preto del.

 

Outra das virtudes que se lle atribúen ó Alicornio son os seus efectos case milagreiros sobre os alimentos cos que interactúa. Deste xeito a auga, ou a comida, onde se meta un anel, amuleto ou colgante feito co dito corno ou co seu po  ten a virtude de curar mordeduras, o cuchizo dos porcos e ata fai leveda-lo pan máis rápido do normal.

Estas propiedades terapéuticas do Alicornio son ben coñecidas dende moi antigo, e non se limitan á tradición galega, senón que o seu uso e coñecemento espállanse por toda Europa, África ou Asia. 

 

Así, por exemplo, ata o século XVIII non era raro atopar estes supostos remedios nalgunhas farmacias londinenses. Os árabes empregábano nas empuñaduras dos coitelos usados para comer porque pensaban que de estar envelenada a comida, unha sospeitosa hunidade cubriría a folla do coitelo, decatándose deste xeito do perigo que asexaba.  A mesma virtude lle outorgaban os príncipes renacentistas que facían copas co Alicornio na crenza de que ó toca-lo veleno a copa cambiaría de cor e destilaría o antídoto. Na China o alicornio considerábase  un poderoso afrodisíaco.

 

Existían distintos xeitos de leva-lo alicornio. O máis común era en forma de po no engaste dun anel de prata posto no dedo anular, que se empregaba para prepara-la chamada “auga de Alicornio”. Lévase tamén en estoxos de prata ou latón pendurados do pescozo, e incluso en forma de bastón.

 

Hoxe en día, aínda que cada vez menos, persiste na nosa terra a antiga crenza nas virtudes deste máxico talismán, e séguese a usa-lo Alicornio polos seus supostos poderes curativos.

 

Malia que coa imparable urbanización, abandono e esmorecemento do mundo rural se están a perder moitas destas prácticas e destes cultos e obxectos de poder, aínda é posible atopar nas nosas parroquias os derradeiros  Alicornios que, como sobreviventes dos cultos e dos ritos, foron pasando de xeración en xeración resistíndose a perecer ante este inexorable mundo global onde a maxia e o sobrenatural non ten cabida. Amosamos nas fotos adxuntas algúns deses derradeiros cornos do mítico Unicornio que perviven entre nós.

                                                                  

Por Rafael Quintía                  

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:29 pm  Comments (1)  

Rituais protectores do animais

RITUAIS PROTECTORES DOS ANIMAIS:           Nunha época na que os animais supuñan a base da economía familiar e da subsistencia no agro galego, protexelos de calquera enfermidade, accidente ou mal era de suma importancia. Ante a crenza de que hai persoas posuidoras da capacidade de bota-lo mal de ollo, as nosas xentes adoitaban realizar unha serie de simbólicos rituais protectores co ánimo de protexe-los animais do tan temido mal de ollo. En moitas cortes era habitual labra-lo sinal da cruz no dintel da porta de forma que os animais, sobre todo vacas e bois, cada vez que saísen da corte pasasen xusto por baixo da cruz a xeito de beizón para quedaren protexidas de calquera mal. Outras veces púñanse amuletos ou obxectos valedores na porta da corte ou entre a cachotería desta. Cítense, ferraduras coa abertura cara a arriba, cruces de madeira nos bebedoiros. Tamén se soía unta-lo gando con allo para protexelo ou pendurábaselle do pescozo unha bolsiña con pedra de ara, incenso, malvavisco e allo.  Outro dos rituais realizados, e recollido na parroquia de Salcedo, consitía no seguinte: Ó saca-la xugada  da corte facíaselle unha cruz coa boina na fronte dos animais á vez que se recitaba a frase: “bruxas fóra, bruxas fóra”. A continuación o paisano pasaba a boina por debaixo das pernas do seguinte xeito:Primeiro de adiante para atrás pola perna dereita, despois de adiante para atrás pola perna esquerda e despois novamente de adiante para atrás pola perna dereita.Con este rito, ficaban, en principio, os animais protexidos do mal que lle podería causar algunha meiga, bruxa ou persoa botadora do mal de ollo.Se unha vaca se amosaba anormalmente nerviosa dándose á fuga, deixaba de dar leite de súpeto sen motivo aparente ou botaba sangue no leite eran indicios de que podía sufri-lo mal de ollo. Ante este problema era mester acudir á meiga ou ó curandeiro na procura dun remedio que sandase o animal, e así existían múltiples procederes para sacarlle tal mal: Muxi–los catro tetos e bota-lo sangue ó lume dicindo “para que se lle queimen os ollos e a lingua”; bota-lo leite ensanguentado na lareira e mallalo con varas de abeleira ó tempo que se recitaban unhas verbas contra a bruxa causante do mal; ou acende-lo forno tres días seguidos, muxi-la vaca tres días seguidos e tira-lo leite ó forno aceso.Un remedio utilizado en Mesía (A Coruña) consistía en recoller en cada horta dos veciños tantas verzas como vacas afectadas se tiñan. F•acíase un caldo cunha verza de cada horta que se lles daba a comer á vaca. No momento en que a vaca rexeitaba unha verza sabíase que esa verza pertencía ó veciño que causara o mal de ollo. Obrigábase as vacas a comer todo o caldo e así os animais sandaban. Se se quería saber que veciño causou o mal habería que facer un caldo con cada verza recollida nos campos dos veciños, sen mesturar unhas con outras. Identificaríase así os distintos caldos e o que rexeitase a vaca sería o caldo feito coa verza do veciño culpable do mal.   Outros dos rituais para sanda-lo gando era o empregado por un home de Sabaxáns (concello de Mondariz) que quitaba o aire con fumarazos de incenso. O rito consistía en facerl cruces na cabeza do gando con incenso aceso. Tamén se lle soía dar mesturado coa comida anacos do ramo de Pascua, xa fose de oliveira ou loureiro.          Finalmente Murgía ten recollido rituais onde se lle pasaba ó gando ramas ardendo polo corpo, coa idea de que o lume botase fóra o mal, e incluso comenta que se ten chegado a queimar vivos os animais a consecuencia desta  práctica.                

Por  Rafael Quintía

 

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:00 pm  Deixar un comentario  
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.