O aviador Piñeiro: O home que soñou coa gloria

O AVIADOR PIÑEIRO: O HOME QUE SOÑOU COA GLORIA Ninguén diría cando naceu naquela pequena aldea galega que José Piñeiro fose un home nacido para a gloria. Tampouco cando medrou, tan pouco resolto en aproveita-las oportunidades de estudo en San Sebastián que o seu pai lle brindaba non sen grandes sacrificios. Fíxose adolescente descoñecendo por que todo o agobiaba, xa fosen os estreitos límites dunha aldea ou as aulas nunha gran cidade. Só sabía que era distinto. Coma se o combustible que necesitaba non se vendese na gasolineira e non soubese onde mercalo. Inconformismo puro, que unido á súa ansia de acción e aventura levouno a alistarse voluntario como carne de canón e metralla para a guerra de Cuba.Non sabemos moito do ano que pasou na fronte desde o seu alistamento ata a súa baixa por enfermidade, pero algo podemos intuír: as privacións e a disciplina non ían con el. Así que decidiu que o estudo non era tan malo despois de todo. Rematou a carreira de mecánico naval e comezou a navegar. Porén, o seu espírito libre e salvaxe seguía aí, latexante. E mentres, o seu destino íase escribindo. Casa cunha rica herdeira. Como bo sedutor, primeiro conquistou a nai de tal xeito que se convertiría para sempre na súa principal valedora.Cos cartos que a súa sogra lle facilita, merca unha fábrica de gaseosas e, como apenas uns meses despois nace o seu primeiro fillo e pouco máis tarde unha nena, diríase que o inquedo Piñeiro sentou definitivamente a cabeza, pois aquela familiar e desafogada vida colmaría os desexos de calquera. Pero Piñeiro non é calquera. Sabe que naceu para a gloria e a única incógnita que o atenazaba era como habería de alcanzala. Esa dúbida despexouse o día en que, con 32 anos, Piñeiro viu voar un avión en Pontevedra ós mandos dun piloto francés. Ocorreu o 20 de agosto de 1911, durante as festas da Virxe Peregrina. A maioría dos homes limítanse a segui-lo avión; outros, porén, lonxe de viviren ó ditado, labran o seu propio destino. Piñeiro é destes últimos, e trala exhibición aeronáutica tomou a decisión: sería aviador.E foino. Dos grandes, senón máis. Competiu e venceu os todopoderosos aviadores franceses, voou ante cincuenta mil espectadores en Bos Aires e realizou acrobacias no medio dunha tormenta na Habana, cando ninguén máis se atreveu. E todo isto fíxoo cunha bicicleta con ás. Porque o modelo de avión que sempre utilizou, o Bleriot XI, co que o seu construtor cruzou en 1909 por primeira vez o Canal da Mancha, era un monoplano sumamente sinxelo e fráxil. Tiña a á alta arriostrada con tensores, de corda constante e extremos curvados. Cada semíola era facilmente desmontable e estaba formada por costelas de madeira e algunhas de aluminio recubertas con tea impermeabilizada. Carecía de superficies articuladas de alabeo, dirección e profundidade, podendo o piloto gobernar moi precariamente esas variables mercede a modificacións na superficie dos planos de sustentación, alabeándoos mediante o mando exercido sobre cables. Nestas condicións era moi difícil corrixir ventos cruzados nas manobras de despegue e aterraxe. Por outra parte, o mando de profundidade non era nada preciso nos ascensos, manobras moi comprometidas, acompañadas do continuo e inminente perigo da entrada en perda e subseguinte barrena. E como se entra en perda cando a forza de sustentación é vencida pola de gravidade, unha vez que esta ocorrera, as superficies de mando do avión carecían totalmente de efectividade. Ademais, o piloto tiña unha moi imprecisa referencia de velocidade, dado que o anemómetro estaba constituído por unha variña flexible cunha curvatura que indicaba moi mal a velocidade sobre unha escala graduada. Se a todo isto engadimos que os cambios de rumbo se efectuaban “ó prato” (metendo o pé no mando de dirección) con escaso mando de alabeo; que o par motor convertía en perigoso calquera xiro á dereita, podemos comprender que os pilotos da época preferisen voar en ausencia de todo vento, xeralmente ó amencer e ó atardecer.Por iso, ademais de habilidade e pericia (pois debe facer fronte a tódalas servidumes que o voo impón, como comproba-la estabilidade do aparato, vixia-lo réxime do motor, coñecer cal era a súa posición, conserva-la dirección e ser quen de localizar un terreo improvisado se por desgraza o motor falla), para subirse a estes aparatos facía falta algo que non se ensina en ningunha escola do mundo e que Piñeiro tiña a esgalla: valor. Non ese valor inconsciente de lanzarse á morte cos ollos pechados, senón aquel que require avalia-los riscos e asumilos; cunha fe tal en si mesmo e nas súas posibilidades que para o resto dos mortais sería simplemente temeridade ou tolemia. A aviación seríao todo para el e a ela consagrará a súa vida.Froito desa dedicación foi o legado que deixou ó se-lo único aviador galego que participou na etapa heroica da aviación (que conluíu coa P.X.M.). Así, a importante contribución de Galicia á historia da aviación española débese sen lugar a dúbidas a Piñeiro. Porque se tres foron as xestas con repercusión internacional realizadas pola aviación española: a travesía do “Plus Ultra” —desde Palos de Moguer a Bos Aires—, o voo Madrid-Manila —da “Patrulla Elcano”— e o voo do “Jesús del Gran Poder” —co seu periplo polo Amazonas—, tres galegos foron os que as coprotagonizaron; e todos eles, tanto Loriga como Iglesias Brage e Ramón Franco (estes dous últimos nacerían, como Piñeiro, na comarca de Ferrol), manifestaron en diversas ocasións que a súa paixón por voar naceu da contemplación dos voos de Piñeiro.A diferenza que existe entre Piñeiro e os outros tres aviadores —ademais do feito de que estes non participaron na etapa heroica da aviación— é o carácter co que desenvolveron as súas carreiras: os tres foron militares. Iso significaba que cando un avión se accidentaba ou avariaba, o Exército dáballes outro.Para Piñeiro a súa aventura supuxo a súa ruína económica, un custo pequeno por persegui-lo seu soño e alcanzalo. E, con el, a gloria de converterse en heroe.           Por Carlos Quintía 

NOTA: O autor do artigo ten escrita a primeira biografía do aviador Piñeiro: El vuelo de la gaviota

Advertisements
Published in: on Novembro 16, 2007 at 2:37 pm  Comments (1)  

The URI to TrackBack this entry is: https://foldeveleno.wordpress.com/2007/11/16/o-aviador-pineiro-o-home-que-sonou-coa-gloria/trackback/

RSS feed for comments on this post.

One CommentDeixar un comentario

  1. Para saber máis sobre José Piñeiro González, “el hombre-pájaro” galego, pódese ler o libro “El vuelo de la Gaviota”, escrito por Carlos Quintía. Aínda quedan algúns exemplares en Ferrol, na Central Libreira. Pódese seguir a hiperligazón:

    http://www.mercadogalego.eu/web/articulo.php?idarticulo=7791

    Tamén chamando ó teléfono 981 35 27 19


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: