Rituais protectores do animais

RITUAIS PROTECTORES DOS ANIMAIS:           Nunha época na que os animais supuñan a base da economía familiar e da subsistencia no agro galego, protexelos de calquera enfermidade, accidente ou mal era de suma importancia. Ante a crenza de que hai persoas posuidoras da capacidade de bota-lo mal de ollo, as nosas xentes adoitaban realizar unha serie de simbólicos rituais protectores co ánimo de protexe-los animais do tan temido mal de ollo. En moitas cortes era habitual labra-lo sinal da cruz no dintel da porta de forma que os animais, sobre todo vacas e bois, cada vez que saísen da corte pasasen xusto por baixo da cruz a xeito de beizón para quedaren protexidas de calquera mal. Outras veces púñanse amuletos ou obxectos valedores na porta da corte ou entre a cachotería desta. Cítense, ferraduras coa abertura cara a arriba, cruces de madeira nos bebedoiros. Tamén se soía unta-lo gando con allo para protexelo ou pendurábaselle do pescozo unha bolsiña con pedra de ara, incenso, malvavisco e allo.  Outro dos rituais realizados, e recollido na parroquia de Salcedo, consitía no seguinte: Ó saca-la xugada  da corte facíaselle unha cruz coa boina na fronte dos animais á vez que se recitaba a frase: “bruxas fóra, bruxas fóra”. A continuación o paisano pasaba a boina por debaixo das pernas do seguinte xeito:Primeiro de adiante para atrás pola perna dereita, despois de adiante para atrás pola perna esquerda e despois novamente de adiante para atrás pola perna dereita.Con este rito, ficaban, en principio, os animais protexidos do mal que lle podería causar algunha meiga, bruxa ou persoa botadora do mal de ollo.Se unha vaca se amosaba anormalmente nerviosa dándose á fuga, deixaba de dar leite de súpeto sen motivo aparente ou botaba sangue no leite eran indicios de que podía sufri-lo mal de ollo. Ante este problema era mester acudir á meiga ou ó curandeiro na procura dun remedio que sandase o animal, e así existían múltiples procederes para sacarlle tal mal: Muxi–los catro tetos e bota-lo sangue ó lume dicindo “para que se lle queimen os ollos e a lingua”; bota-lo leite ensanguentado na lareira e mallalo con varas de abeleira ó tempo que se recitaban unhas verbas contra a bruxa causante do mal; ou acende-lo forno tres días seguidos, muxi-la vaca tres días seguidos e tira-lo leite ó forno aceso.Un remedio utilizado en Mesía (A Coruña) consistía en recoller en cada horta dos veciños tantas verzas como vacas afectadas se tiñan. F•acíase un caldo cunha verza de cada horta que se lles daba a comer á vaca. No momento en que a vaca rexeitaba unha verza sabíase que esa verza pertencía ó veciño que causara o mal de ollo. Obrigábase as vacas a comer todo o caldo e así os animais sandaban. Se se quería saber que veciño causou o mal habería que facer un caldo con cada verza recollida nos campos dos veciños, sen mesturar unhas con outras. Identificaríase así os distintos caldos e o que rexeitase a vaca sería o caldo feito coa verza do veciño culpable do mal.   Outros dos rituais para sanda-lo gando era o empregado por un home de Sabaxáns (concello de Mondariz) que quitaba o aire con fumarazos de incenso. O rito consistía en facerl cruces na cabeza do gando con incenso aceso. Tamén se lle soía dar mesturado coa comida anacos do ramo de Pascua, xa fose de oliveira ou loureiro.          Finalmente Murgía ten recollido rituais onde se lle pasaba ó gando ramas ardendo polo corpo, coa idea de que o lume botase fóra o mal, e incluso comenta que se ten chegado a queimar vivos os animais a consecuencia desta  práctica.                

Por  Rafael Quintía

 

Advertisements
Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:00 pm  Deixar un comentario  

The URI to TrackBack this entry is: https://foldeveleno.wordpress.com/2007/11/16/rituais-protectores-do-animais/trackback/

RSS feed for comments on this post.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: