Castelao en Pontevedra

 “Castelao en Pontevedra” No ano 1916 Castelao tarsládase a Pontevedra para ocupa-la súa praza como funcionario de estatística. Aquí viviu durante 20 anos e á parte da súa vida cultural e política, soubo descubrir e gozar coma ninguén da beleza e calma deses máxicos recunchos agochados nas nosas parroquias, moitos dos cales por desgraza hoxe degradados. 

Xa estando no exilio en Bos Aires, lembrando os seus anos pontevedreses, escribiu os  emotivos e fermosos textos sobre esta cidade  e os seus arredores, recollidos no seu libro As Cruces de Pedra na Galiza. A continuación reproducimos ese fragmento do libro.


 Eu vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado á fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela i espranzas de retornar a ela.Empezo a ser vello e a vivir de recordos. Algunhas veces acode á miña memoria un cantar de requintada morriña.

 

Vai tan lonxe a mocedade,
está tan perto o meu fin,
que ás veces sinto vontade
de poñer loito por min
  Pero non é que eu enloite o meu esprito porque a mocedade fuxise de min. Eu apénome de non poder ir a Pontevedra, que é unha fonte de xuventude, onde se curan os alifaces da vellez. Volver a Pontevedra sería mesmo que recobrara a mocedade perdida. E así como anteo revivía ao caer ao chan e soio morreu por non poder tocar terra, así eu me libraría da vellez con soio pisar terra pontevedresa.Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra. Entón a miña alma cantaría gozosa este cantar. Xa morrín, xa me enterrei,e agora xa estou eiquí.Nin a terra me comíasen despedirme de ti

 Todo, todo, pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra. Vivo ou morto, alá irei como se di que van os romeiros a San Andrés de Teixido, que “alá van de mortos se non van de vivos”. Pero eu espero chegar vivo parra curarme das inxurias do tempo. E non entanto vou coa imaxinación … 


Para ensoñar mundos de absoluta felicidade, Libre de carne mortal que afoga a vida dos  Vellos, eu séntome á beira do Lérez. Pouso os meus pensamentos nas beiras das augas, como as ponlas caidas dos albres que dan sombra. Estou alí horas e horas, ensumido en min mesmo. Deste xeito participo da ledicia de San Amaro, cando estivo trescentos anos asexando o paradiso a través dun buratiño dunha porta. Ou como Don Ero, o fundador de Armenteira, que tamén estivo trescentos anos escoitando a un paxariño.Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!.          As Cruces de pedra na Galiza

Advertisements
Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:56 pm  Deixar un comentario  

The URI to TrackBack this entry is: https://foldeveleno.wordpress.com/2007/11/30/castelao-en-pontevedra/trackback/

RSS feed for comments on this post.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: