O ALICORNIO

Alicornio é o nome que se lle da ó corno do mitolóxico Unicornio. Tamén recibe os nomes de Alicor, Alicorno, Alicorne, Alicornia, Licorno, Licornia e Licornio.

 

O Unicornio amosa unha especial resistencia á maxia, é inmune ós feitizos, ós conxuros de morte e ó veleno. De aí os poderes curativos que se lle atribúen ó seu corno, o alicornio.

 

O poder deste corno (Alicornio) ou das suás raspaduras era excepcional, e existían unha chea de aplicacións dentro da farmacopea popular. Así, segundo a nosa tradición menciñeira este corno tiña a virtude de combate-lo mal de ollo, o meigallo, o tangaraño, as dores de parto, doenzas estomacais, a epilepesia e, sobre todo, neutralizaba tódolos velenos. Emprégase tamén contra as cobras para que non mamen o leite das vacas nin o das mulleres.

 

Contra o coxo aplícase o corno de Alicornio bendicido  pasándoo pola parte dorida,  facendo cruces e sacudindo.

 

Mesturado con leite e facéndolle tres cruces por riba dáselle a beber ó enfermo. A serpe que bebe este preparado morre instantánea. Hai tradicións que afirman que se se fai unha liña cun alicornio ningún animal velenoso poderá traspasala e, ademais, ten o poder de facer morrer  calquera planta ou animal  nocivo que estivese preto del.

 

Outra das virtudes que se lle atribúen ó Alicornio son os seus efectos case milagreiros sobre os alimentos cos que interactúa. Deste xeito a auga, ou a comida, onde se meta un anel, amuleto ou colgante feito co dito corno ou co seu po  ten a virtude de curar mordeduras, o cuchizo dos porcos e ata fai leveda-lo pan máis rápido do normal.

Estas propiedades terapéuticas do Alicornio son ben coñecidas dende moi antigo, e non se limitan á tradición galega, senón que o seu uso e coñecemento espállanse por toda Europa, África ou Asia. 

 

Así, por exemplo, ata o século XVIII non era raro atopar estes supostos remedios nalgunhas farmacias londinenses. Os árabes empregábano nas empuñaduras dos coitelos usados para comer porque pensaban que de estar envelenada a comida, unha sospeitosa hunidade cubriría a folla do coitelo, decatándose deste xeito do perigo que asexaba.  A mesma virtude lle outorgaban os príncipes renacentistas que facían copas co Alicornio na crenza de que ó toca-lo veleno a copa cambiaría de cor e destilaría o antídoto. Na China o alicornio considerábase  un poderoso afrodisíaco.

 

Existían distintos xeitos de leva-lo alicornio. O máis común era en forma de po no engaste dun anel de prata posto no dedo anular, que se empregaba para prepara-la chamada “auga de Alicornio”. Lévase tamén en estoxos de prata ou latón pendurados do pescozo, e incluso en forma de bastón.

 

Hoxe en día, aínda que cada vez menos, persiste na nosa terra a antiga crenza nas virtudes deste máxico talismán, e séguese a usa-lo Alicornio polos seus supostos poderes curativos.

 

Malia que coa imparable urbanización, abandono e esmorecemento do mundo rural se están a perder moitas destas prácticas e destes cultos e obxectos de poder, aínda é posible atopar nas nosas parroquias os derradeiros  Alicornios que, como sobreviventes dos cultos e dos ritos, foron pasando de xeración en xeración resistíndose a perecer ante este inexorable mundo global onde a maxia e o sobrenatural non ten cabida. Amosamos nas fotos adxuntas algúns deses derradeiros cornos do mítico Unicornio que perviven entre nós.

                                                                  

Por Rafael Quintía                  

Advertisements
Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:29 pm  Comments (1)  

The URI to TrackBack this entry is: https://foldeveleno.wordpress.com/2008/11/19/o-alicornio/trackback/

RSS feed for comments on this post.

One CommentDeixar un comentario

  1. na miña casa dende moi antigo temos un, nos chamámoslle licornio, e a xente do lugar ainda hoxe, ven a buscar provistos dunha botella con auga o remedio para os seus animais, tanto para mordeduras de serpes coma para hinchazóns que se lle poidan producir…o caso é que funciona, e velaí…o medo é libre!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: