O SEGREDO DO RABELO

O SEGREDO DO RABELO

Orixes míticas da freguesía de Cerdedo     

 

I ARÉN

 

         A aldea de Arén (Cerdedo-Terra de Montes) fundouse en idade castrexa á beira do río do mesmo nome –antiga denominación do río do Castro–. A citania do coto acolleu a tribo dos arencos, esforzados labregos que enxalzaban a auga como principio vital. Quizabes, hai máis de 2000 anos, a mesopotamia derregada polos ríos Castro, Seixo e Cervas, o que hoxe nomeamos Cerdedo, o val de Cerdedo –terra de cerdeiras–, fose daquela coñecido por Arén, chamadeiro prerromano respectado polos conqueredores latinos. Arén é topónimo relacionado coa auga en movemento, e por extensión co terreo beneficiado pola súa proximidade: río, veiga, valgada… A xínea arenca inzou de norte a sur o val dos ríos Castro e Seixo.

 

         O devir pacífico dos arencos foi alterado pola chegada á valiña da caste moura, adoradores de serpes. Cómpre determinar, atendendo ao recolleito na zona verbo da concomitancia de mouros e réptiles, se a peripecia da Idade dos Mouros pode ser glosada coma trasunto mítico do pobo saefe que no principiar do noso tempo e tras someter polas armas o pobo oestrimnio, fíxose dono do territorio noroeste. O referido episodio histórico foi fixado por Avieno na súa Ora marítima (escrita no séc. IV d. C. mais asumindo descricións das costas noroccidentais da península feitas no século VI a. C.). Lemos en Avieno: É tanta a extensión de Ophiusa/canto oíches que era a illa de Pélope/en terras dos gregos; esta primeiro chamouse Oestrymniam, habitando os Oestrymnios os seus lugares e campos;/logo moita serpe obrigou a fuxir os seus habitantes;/e deulle o seu nome á terra baleira. Os mouros irromperon no val, venceron os aldeáns en desigual contenda e obrigáronos a abandonar as súas herdades. A mouraxe habitou o sochán do castro, cavando fondas galerías co aquel de extraer a riqueza mineira da montaña. Co ouro e a prata arrincados do subsolo, os mouros, habelenciosos ourives, confeccionaron fermosas alfaias até acumular un tesouro de incalculábel valor. Os indíxenas arencos aceptaron con resignación a súa fada instalándose nas lombas do nacente, mais, andado o tempo e mercé a secreta mediación, aos montañeses foilles revelada a fórmula esconxuradora que os liberaría da presenza da mouramia. Velaquí o máxico recitado: Mouro, polo poder do teu ouro, fai ida de corvo. A derradeira representante da estirpe mouresca, cando vítima de desencantamento se viu na obriga de abandonar o lar arenco, pronunciou aquilo de: Aí vos quedades, castriño de Arén que tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén que é a que gharda as outras tamén, certificando deste xeito a riqueza acochada nas entrañas do outeiro.

 

         O acceso ás galerías castrexas interrómpeo un penedo, a Laxa do Castro, onde os mouros deixaron inscrito un estraño signo que, ou ben responde ao dito pola moura na súa sentenciosa despedida, ou ben é mapa que guiaría o pescudador de riquezas no labirinto soterrado. Moitos foron os que ansiaron internarse na canfurna, mesmo houbo quen decidiu violentar o rochedo, desesperado por non achar xeito de ultrapasar a soleira, de aí que presente signos de crebantamento, infrutuosos, xa que a pena é indestrutíbel.

 

A aldea de Arén padeceu xacando o acoso dunha monstruosa cóbrega, horrífico dragón de sete cabezas. Os aldeáns demandaron a intervención dos adaís da nova fe e o Arcanxo San Miguel acudiu lixeiro no auxilio. O anxo guerreiro venceu o arrepiante ser e pechouno tras cadeado de sete chaves nun alxube baixo terra. San Miguel esparexeu as chaves co aquel de garantir a reclusión perdurábel da besta. Unha delas foi pendurada da carranca dun can, nomeado Turco, cuxa lonxevidade e afouteza foron prodixiosas. Os arencos, arredor do século XII, en agradecemento, construíron encol do alxube a capela na honra do santo liberador. A capela de Arén refaríase no século XVII por mandado de Antón de Arén, tío de Pedro de Arén, egrexio canteiro, artífice da construción da torre da catedral de Ourense. No interior do templo pódese observar a imaxe do Arcanxo sometendo so os seus pés a un demo desafiante, cornudo e de forte ollada. Ao seu carón e recado a Virxe do Libramento pousa reconfortada.

 

         A parede leste da capela loce dúas cruces, quizais templarias. A parede norte, un calvario, e á esquerda deste, un minguante. A media lúa puidera ser críptica representación, simboloxía sinóptica de Lucifer “o deus da luz”, tamén denominado Baphomet, controvertida divindade diabólica a quen os templarios rendían culto en segredo. É dende logo rechamante que unha das etimoloxías que barallan os estudosos para Baphomet achegue o significado de “Aquel que abre a porta”. É a enxeñaría templaria artífice da fábrica do templo de Arén? Cobizaron ou custodiaron os templarios o tesouro dos mouros?… O camiño de Santiago discorre preto do lugar de Arén. A ponte de Parada, sobre o río Lérez, conduce o peregrino cara á Compostela. Nada novo se engade cando afirmamos que a Orde dos Cabaleiros do Temple, fundada en 1118 co obxectivo de protexer os peregrinos, adoitaba fincar o seu pendón á beira dos camiños que levaban a Santiago.

 

Os arencos rezan con devoción a San Miguel, mais entenden como necesaria a representación do seu contrario para perpetuar o equilibrio das forzas cósmicas. Cando nunha das miñas visitas ao lugar cualifiquei o demo de terrorífico, unha aldeá arenca, ao tempo que acariñaba os pés do maligno, corrixiume dicindo: este petelo non lle fai mal a ninguén.

         A comezos do século XIX, a avanzada francesa foi detida en Arén grazas á fereza do sobredito can Turco e grazas así mesmo á efectiva intervención de San Miguel ao que os aldeáns amezaron con chimpar lomba abaixo senón actuaba con contundencia fronte ao inimigo. Os gavachos tencionaban cruzar o río do Castro á altura dos Carrascos, mais a Pilara, labrega arenca que alindaba as touras na ribeira, acirrou o seu can de palleiro. O Turco regañou o dente, ladrou rexo e o alarde foi abondo para acadar a retirada do invasor.

 

         Na década dos setenta do século XX, Xosé da Reloxa, veciño de Barro, coidaba o gando nun pradelo ao pé da estradiña de Arén cando viu achegarse un refolguexante coche negro. No interior do impoñente “haigha” viaxaban tres homes, traxeados a xogo co vehículo. Os estraños visitantes preguntáronlle pola localización do castro. Xosé indicoulles amablemente que a aterrada citania estaba diante deles, a unha carreiriña de can. Os homes de negro fonearon nas leiras castrexas aínda un bo anaco. Á volta non dubidaron en parar diante do noso labrego para se despediren. Xosé preguntoulles se tiraran proveito da visita, e eles, amosando unha saca ateigada de coios e outros obxectos dixeron: connosco levamos aquilo que buscar viñamos.

 

         Os veciños de Arén din que nas leiras chamadas Castros, boas pataqueiras, escóitanse ruídos estraños, e que non é raro, durante os labores de labra, sentir como, baixo o chan, as pedras rolan a tombos precipitándose cara ao insondábel. Moitas son as lápidas que ten levantado o arado. Os arencos din que o templo de Arén foi sé parroquial e que á súa roda estendíase un camposanto.

 

II  CAVENCA

 

         Os caviancos construiron e habitaron o Castro Seghón e dende o seu asentamento orixinal poboaron de sur a norte o val do río das Cervas e o val do río do Seixo. A aldea de Cavenca –vaganta, cavorco– foi fundada pola tribo dos caviancos ao pé da Verea Vella, vieiro antiquísimo. As lendas vencelladas co ouro somerxido no pozo Sangoento do río do Seixo, e co tesouro soterrado ao pé do outeiro do Cuarto de Aseo, no monte de Cavenca, dan testemuño da Idade dos Mouros e da súa angueira. O Cuarto de Aseo resolvía, segundo os labregos, a hixiene íntima da mouramia. A auga do regueiro que discorre por entre as fírgoas da peneda posúe calidades salutíferas e esconxuradoras. A fórmula Coa auga do cu lavémos a cara para que Deus nos libre dunha mala fada, recollida na aldea, e coa que se ensalma o lavatorio, confirma esta antiga práctica.

 

Os caviancos viviron dende o alborexar da súa historia atormentados pola presenza dunhas criaturas de xorne diabólico, quizais diabos burleiros, causantes dos mil e un atrancos padecidos polos viaxeiros de a pé. Quizais sexa esta a razón pola que os indíxenas rendían culto a Rapenlo, lar vial, divindade dos camiños, a quen dedicaron unha ara votiva. O culto a Rapenlo escenificábase, así mesmo, con ablucións rituais realizadas nunha pía de pedra de gran, da cal se conserva un fragmento, arrecunchado ao pé dun valo no rueiro de Cavenca. Segundo o pobo, a capela de Cavenca data do século VII. Descoñécese cal foi a advocación primeira mais abofé que veu substituir o culto pagán ao deus Rapenlo. A ara foi reutilizada como material de construción na edificación do templo. Conforme testemuños de creto, a ara é hoxe tranqueiro ou mocheta da xanela da parede leste. O cunco ritual foi, tamén segundo o pobo, empregado como pía bautismal do templo cristián.

 

Xa nó século XVI, unha póla dos Gosende das Raposeiras, fidalgos rurais ascendentes de Rosalía de Castro, aveciñou en Cavenca e favoreceu a reconstrución da capela, que anexaron ao pazo familiar, supeditándoa á protección de San Salvador. En recompensa, o santo cativou os diabos, aínda rebuldeiros, nunha campaíña de man, obra de Xoán o Sineiro, hoxe custodiada en fogar cavianco. O Divino Salvador, é dicir Xesús Cristo, foi quen de pór couto á ameaza infernal. Conforme os aldeáns, o templo de Cavenca foi cabeza de parroquia e ao seu arredor dispúñase un cemiterio. A capela reconstruíuse no século XVIII grazas ao enxeño do canteiro Xoán de Arén, como se le na inscrición da parede de levante.

 

O camiño que dende a aldea de Cavenca baixa á ponte dos Portamuíños, vao do río do Seixo, denomínase camiño do Rapenlo, e foi, dende que a xente acorda, marco elixido pola Pantalla, ou Santa Compaña para celebrar as súas procesións nocturnais. No cabo do camiño, preto do pozo Fumeghas, áchanse as Veighas das Almas. Río abaixo, no terrón de Meilide, moe o muíño das Raposeiras que loce na porta tres riscos de Salomón e agacha baixo tella a chave do cerrollo por se urxe acubillo.

 

III     CERDEDO

 

         Os querquenos, aborixes cerdedenses, segundo afirmara Rodríguez Fraíz, cronista da Terra de Montes, fortificaron o coto de Castrodiz, localizado na veciña freguesía de Castro, picouto loado polo vate Otero Espasandín, e proliferaron na feracidade do val do río Lérez. Foron daquela os querquenos fundadores da aldea de Cerdedo. Os querquenos rendéronlles culto ás árbores. A feliz existencia dos indíxenas viuse interrompida polo advento da lexión moura. Os vasalos da raíña Dona Ghurina ocuparon as lombas montesías de Cerdedo –alí onde o pobo chama Cerrada das Mámoas e Regheira da Piña–, construíron unha colosal fortificación, a Torre dos Mouros, e ao abeiro dos seus muros triparon as entrañas da montaña na procura do seu áureo miolo. A sona de licenciosos alertou o Apóstolo Santiago que acudiu ao lugar a lombos do seu branco cabalo. Os couces da cabalgadura deixaron sinal indelébel nas laxas da Fragha das Ferraduras e derrubaron a fortaleza, precipitando os cachotes ao leito do río. O rexo brazo armado afuxentou a mouramia, mais os privados de Dona Ghurina agacharon o máis da súa moita riqueza no pozo do Pegho, piago do Lérez, pensando recobrala. De la Riega deixou escrito no seu libro O río Lérez que preto da fondura do Pegho, ao agocho da matogueira, áchase unha laxa de grandes dimensións na que os mouros labraron a epopea da súa estirpe.  

 

         Noutrora, a aldea de Cerdedo padeceu o acoso dunha serpe colosal. Os veciños demandaron axuda de San Xoán, o primeiro na xerarquía dos santos, a pre cos anxos. O Bautista enfrontouse á besta e valéndose duns fachóns conseguiu sometela e encadeala nunha cova do monte de Cerdedo, coñecida dende aquelas polo Embigho do Becho. As cacharelas de San Xoán que alumean na noite do 24 de xuño ben poden ser lembranza da fazañosa xeira do patrón de Cerdedo. Por volta do século XII, os veciños agradecidos construíron na honra do santo, e no lugar que antes ocupaba un lupanar, unha capela. O templo foi reconstruído nos séculos XVI e XVIII até acadar a fasquía actual.           

 

IV     O RABELO

 

         Veciño da aldea de Cavenca (Cerdedo), o Rabelo, personaxe que viviu dacabalo dos séculos XIX e XX, herdou a arcana sabenza da libresca maldita. Os textos prohibidos e a inveterada tradición oral puxérono tras a pista dos tesouros gardados, pola mouresca, aló no abrente das cronoloxías, xa nas entrañas do monte de Cavenca, xa nas soterradas galerías do castro de Arén, xa no esgrevio da Torre dos Mouros.

 

         O Rabelo, home langrán, rosmón e misántropo –can rabelo, pra fodelo–, convulsivo consumidor de rapé, foi lector devoto do libro de San Cibrán ou “Ciprianillo”. Guiado polo arcano grimorio cribou as lombas montesas sen acougo, fixo súa a alucinada trafega do coevo Xan de Deza, labrego metido a buscador de tesouros, evocado polo implacábel Curros Enríquez no seu cénit poético Aires da miña terra:

 


Cóntame Xan, que che pasa

para, despois de haber mercado

casa e hortas,

vender hortas, vender casa

i andar hoxe atravesado

polas portas.

 

Hai quen di que non sei cando,

non sei quen falouche á orella

–¡cousa estrana!–

dun libro de contrabando,

escrito na fala vella

castellana.

Entre as follas revesgadas

dese libro, danse señas

de tesouros

e riquezas enterradas

pé dos ríos e das brañas

polos mouros.

 

Quen as busque, tras de lelo,

moedas topa conservadas

dos reis de antes,

pentes de ouro pró cabelo,

i arcas fondas, cuguladas

de diamante


O Rabelo coñecía da existencia do tesouro do castro de Arén, do ouro agachado no monte de Cavenca, e das riquezas somerxidas no pozo do Pegho. Da noite para a mañá, no alargho de Muradás, ao pé do outeiro do Cuarto de Aseo, no recanto sinalado polo sol en datas axustadas, os veciños de Cavenca descubriron unha galería de case 60 m de fondo. Da noite para a mañá, os veciños de Arén constataron como a Laxa do Castro se desprazara unha cuarta do seu asento. Da noite para a mañá, os veciños de Cerdedo descubriron na Cerrada das Mámoas signos de cava e pescuda.

Só o Rabelo soubo da contía do achádego, só el, do seu postoiro. Se deixou razón manuscrita do levado ou do por levar, téimese na pescuda e vólvase o prezado documento á luz. Entrementres, admitamos que o misterio envolveu a súa existencia e que o seu segredo inviolado foi mortalla na súa viaxe cara ao alén mundo. Se falasen as pedras.

 

*     *     *     *    Por Calros Solla

Advertisements
Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:54 pm  Deixar un comentario  

The URI to TrackBack this entry is: https://foldeveleno.wordpress.com/2008/11/19/o-segredo-do-rabelo/trackback/

RSS feed for comments on this post.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: