Ramón Xosé Lavandeira Limeres

 

Ramón Xosé Lavandeira Limeres
Gaiteiro, músico e mestre

Nado na aldea da Revolta, parroquia de Cerdedo (Pontevedra), o día 1 de marzo do ano 1859. Ramón Lavandeira aprendeu a tocar a gaita[1] cos gaiteiros da zona, feito que recolle o libro “Canteiros e artistas da Terra de Montes” de Antonio Rodríguez Fraíz, onde o autor fala dun rapaz, Ramón, que ameniza as romarías da zona.

Á  idade de 18 anos ingresa na Marina en Ferrol e andou embarcado no “Reina Rexente” onde acadou a gradación de sarxento. Durante esta andaina aproveitou para aprender música e tamén a tocar o clarinete.

 Xubilado da Marina, voltou a Cavenca, lugar de Cerdedo, onde, ademais de aos seus fillos, ensinoulles música ós rapaces da contorna, formando unha banda de música da que fai mención Enrique Iglesias Alvarellos no seu libro “Bandas de música de Galicia”: fronte a Cerdedo, nun lugar a 1.5 km, Ramón Lavandeira formou unha banda de rapaces que tocaban moi afinados e que nunca chegaron a tocar en Cerdedo (dado que nese lugar xa había unha banda), senon que tocaban na parroquia e arredores.

 Entre 1910 e 1920 ademais de dirixir esta banda de música tamén exerce de mestre de primeiras letras dando clases a un grande número de alumnos chegados de toda a parroquia.

 No ano 1922 cae enfermo e abandona toda actividade. O 11 de marzo de 1932 morre no lugar de Cavenca.

 

Por Rubén Troitiño
Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:23 pm  Deixar un comentario  

Manuel Feijoó Pérez

Manuel Feijoó Pérez, nado en Anllo, San Cibrao de Castrelo, Cea, Ourense, o 12 de xaneiro de 1931.

Xunto con outros músicos formaron o grupo “Os Gallegos”:

  • Manuel Feijoó Pérez, gaita.
  • Antonio González “O Mario das Casasnovas”, gaita.
  • Xosé Feijoó Fernández, bombo.
  • Manuel Feijoó Fernández, caixa.

Manuel Feijoó Pérez é curmán dos irmáns Xosé e Manuel Feijoó Fernández.

A súa formación musical foi autodidacta.

Manuel Feijoó mercoulle a gaita a outro gaiteiro, Antonio García da Grela.

Mario mercoulle a gaita a un artesán de Covas, Afonso Crespo.

O repertorio estaba composto por todo tipo de pezas: muiñeiras, xotas, pasodobres, valses, rumbas…

Estiveron en activo entre os anos 1945 e 1950, tocando na zona de Cea. O máis lonxe que chegaron foi a Dacón, Maside, onde estiveron 3 días pola festa da Santa Rita. Os ensaios facíanos na solaina da actual vivenda de Manuel Feijoó Pérez, no lugar de Anllo nº 16.

Cando os chamaban para tocar nunha festa, cobraban por un día uns 10 pesos.

Cando tocaban non tiñan traxe unificado, cada un levaba o traxe que tiña.

 Por Roxo

Anllo, San Cibrao de Castrelo, Cea, Ourense, 17 de abril de 2008.

Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:16 pm  Deixar un comentario  

Avelino Rodríguez Vázquez

Avelino Rodríguez Vázquez, nado en Castomás, San Xoán de Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense, o 13 de novembro de 1912, comezou a tocar, fabricando el mesmo os instrumentos, con frautas de centeo e de castiñeiro. Posteriormente, mercou no Castro unha frauta traveseira de madeira. As pezas aprendeunas a base de escoitar primeiro as bandas de música, ensaiándoas despois mentres ía coas vacas.

Cando tiña 16 ou 17 anos, mercou un clarinete, grazas a axuda económica do Pedro de Aguil, que lle emprestou os 20 pesos que lle pedían por el.

Xunto con outros músicos formaron o grupo “Os de Boazo”:

 Xesús, ciscornio (fliscorno), natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.

  • Alfredo, gaita, natural de Castomás, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense.
  • Avelino, clarinete, natural de Castomás, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense.
  • Manuel, caixa, natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.
  • Henrique, bombo, natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.
  • Xerardo, requinto, natural de Quintela, San Martiño de Pedrafita, A Teixeira, Ourense. Amais, foi compoñente do grupo “Os Primaveras”.

 O repertorio estaba composto por todo tipo de pezas: muiñeiras, xotas, pasodobres, valses, polcas, “traspasados” (mazurcas), rumbas, tangos e pezas de moda  por aqueles anos como “Por la calle de Alcalá”.

Estiveron en activo entre os anos 1928 e 1939, tocando na zona de Castro Caldelas, A Teixeira, Doade, Montederramo…, en festas e verbenas (que daquelas, remataban, polas boas, ás 12 da noite, ou polas malas, coa presenza da garda civil). Tamén, nos fiadeiros e nos ensaios que se facían no corredor dunha casa de Boazo, onde, mentres eles tocaban, as rapazas da aldea aproveitaban para bailar.

Cando os chamaban para tocar nunha festa, cobraban por unha tarde 16 pesetas, e se tiñan que facer a festa completa –3 días enteiros–, engadíaselle a cama e a comida para os músicos. É dicir, cando era “a mantida”, a maiores dos cartos, os “mordomos”, aqueles que organizaban a festa, repartían os músicos para levalos as súas casas.

Cando tocaban, non tiñan traxe unificado. Cada un levaba o traxe que tiña.

No ano 1939 deixaron de tocar, xa que Manuel, o que tocaba a caixa, morreu na guerra.

 Por Roxo

  As Barreiras, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense, 1 de xuño de 2008.

Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:13 pm  Deixar un comentario