Ramón Xosé Lavandeira Limeres

 

Ramón Xosé Lavandeira Limeres
Gaiteiro, músico e mestre

Nado na aldea da Revolta, parroquia de Cerdedo (Pontevedra), o día 1 de marzo do ano 1859. Ramón Lavandeira aprendeu a tocar a gaita[1] cos gaiteiros da zona, feito que recolle o libro “Canteiros e artistas da Terra de Montes” de Antonio Rodríguez Fraíz, onde o autor fala dun rapaz, Ramón, que ameniza as romarías da zona.

Á  idade de 18 anos ingresa na Marina en Ferrol e andou embarcado no “Reina Rexente” onde acadou a gradación de sarxento. Durante esta andaina aproveitou para aprender música e tamén a tocar o clarinete.

 Xubilado da Marina, voltou a Cavenca, lugar de Cerdedo, onde, ademais de aos seus fillos, ensinoulles música ós rapaces da contorna, formando unha banda de música da que fai mención Enrique Iglesias Alvarellos no seu libro “Bandas de música de Galicia”: fronte a Cerdedo, nun lugar a 1.5 km, Ramón Lavandeira formou unha banda de rapaces que tocaban moi afinados e que nunca chegaron a tocar en Cerdedo (dado que nese lugar xa había unha banda), senon que tocaban na parroquia e arredores.

 Entre 1910 e 1920 ademais de dirixir esta banda de música tamén exerce de mestre de primeiras letras dando clases a un grande número de alumnos chegados de toda a parroquia.

 No ano 1922 cae enfermo e abandona toda actividade. O 11 de marzo de 1932 morre no lugar de Cavenca.

 

Por Rubén Troitiño
Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:23 pm  Deixar un comentario  

Manuel Feijoó Pérez

Manuel Feijoó Pérez, nado en Anllo, San Cibrao de Castrelo, Cea, Ourense, o 12 de xaneiro de 1931.

Xunto con outros músicos formaron o grupo “Os Gallegos”:

  • Manuel Feijoó Pérez, gaita.
  • Antonio González “O Mario das Casasnovas”, gaita.
  • Xosé Feijoó Fernández, bombo.
  • Manuel Feijoó Fernández, caixa.

Manuel Feijoó Pérez é curmán dos irmáns Xosé e Manuel Feijoó Fernández.

A súa formación musical foi autodidacta.

Manuel Feijoó mercoulle a gaita a outro gaiteiro, Antonio García da Grela.

Mario mercoulle a gaita a un artesán de Covas, Afonso Crespo.

O repertorio estaba composto por todo tipo de pezas: muiñeiras, xotas, pasodobres, valses, rumbas…

Estiveron en activo entre os anos 1945 e 1950, tocando na zona de Cea. O máis lonxe que chegaron foi a Dacón, Maside, onde estiveron 3 días pola festa da Santa Rita. Os ensaios facíanos na solaina da actual vivenda de Manuel Feijoó Pérez, no lugar de Anllo nº 16.

Cando os chamaban para tocar nunha festa, cobraban por un día uns 10 pesos.

Cando tocaban non tiñan traxe unificado, cada un levaba o traxe que tiña.

 Por Roxo

Anllo, San Cibrao de Castrelo, Cea, Ourense, 17 de abril de 2008.

Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:16 pm  Deixar un comentario  

Avelino Rodríguez Vázquez

Avelino Rodríguez Vázquez, nado en Castomás, San Xoán de Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense, o 13 de novembro de 1912, comezou a tocar, fabricando el mesmo os instrumentos, con frautas de centeo e de castiñeiro. Posteriormente, mercou no Castro unha frauta traveseira de madeira. As pezas aprendeunas a base de escoitar primeiro as bandas de música, ensaiándoas despois mentres ía coas vacas.

Cando tiña 16 ou 17 anos, mercou un clarinete, grazas a axuda económica do Pedro de Aguil, que lle emprestou os 20 pesos que lle pedían por el.

Xunto con outros músicos formaron o grupo “Os de Boazo”:

 Xesús, ciscornio (fliscorno), natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.

  • Alfredo, gaita, natural de Castomás, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense.
  • Avelino, clarinete, natural de Castomás, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense.
  • Manuel, caixa, natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.
  • Henrique, bombo, natural de Boazo, A Teixeira, Ourense.
  • Xerardo, requinto, natural de Quintela, San Martiño de Pedrafita, A Teixeira, Ourense. Amais, foi compoñente do grupo “Os Primaveras”.

 O repertorio estaba composto por todo tipo de pezas: muiñeiras, xotas, pasodobres, valses, polcas, “traspasados” (mazurcas), rumbas, tangos e pezas de moda  por aqueles anos como “Por la calle de Alcalá”.

Estiveron en activo entre os anos 1928 e 1939, tocando na zona de Castro Caldelas, A Teixeira, Doade, Montederramo…, en festas e verbenas (que daquelas, remataban, polas boas, ás 12 da noite, ou polas malas, coa presenza da garda civil). Tamén, nos fiadeiros e nos ensaios que se facían no corredor dunha casa de Boazo, onde, mentres eles tocaban, as rapazas da aldea aproveitaban para bailar.

Cando os chamaban para tocar nunha festa, cobraban por unha tarde 16 pesetas, e se tiñan que facer a festa completa –3 días enteiros–, engadíaselle a cama e a comida para os músicos. É dicir, cando era “a mantida”, a maiores dos cartos, os “mordomos”, aqueles que organizaban a festa, repartían os músicos para levalos as súas casas.

Cando tocaban, non tiñan traxe unificado. Cada un levaba o traxe que tiña.

No ano 1939 deixaron de tocar, xa que Manuel, o que tocaba a caixa, morreu na guerra.

 Por Roxo

  As Barreiras, Poboeiros, Castro Caldelas, Ourense, 1 de xuño de 2008.

Published in: on Novembro 21, 2010 at 9:13 pm  Deixar un comentario  

Albino Prado

Albino Prado: 1923-1999. Percusionista.Natural de Campañó pero establecido no lugar do Carramal, Salcedo, dende que casa cunha veciña desta parroquia. Á idade de 27 anos sofre un desgraciado accidente cando traballaba na construción da estrada que vai por Marín de arriba cara ós Remedios. A explosión fortuíta dun barreno de dinamita deixouno cego de por vida. A raíz deste accidente entra a traballar na ONCE como vendedor do cupón. Alí coñeceu o director da oficina onde lles repartían os cupóns, persoa de inquedanzas musicais  que os animou a formar unha rondalla. Nesta rondalla aprendeu a toca-la bandurria e nela permaneceu un par de anos ata que polo ano 53 co seu amigo gaiterio, tamén cego, Javier de Lalín decidiron forma-la Agrupación de gaitas Rosalía Castro. Compuñan orixinariamente este grupo  Albino á caixa, Suso ó bombo, un pandeireteiro e Javier e Paco Oroña como gaiteiros. Nesta agrupación  empezou tocando o bombo e o tamboril para pasar despois a toca-la caixa, sendo esta última o instrumento no que destacou e polo que foi coñecido como músico. Soían reunirse no bar El Escondite, que ficaba detrás da praza Méndez Núñez onde xa no tempo da rondalla gardaban os instrumentos. A súa invidencia nunca foi impedimento para tocar e así nos seus comenzos era a súa filla Lita a que o acompañaba como lazarillo  ás festas onde actuaban.A Agrupación de Gaitas Rosalía Castro percorreu durante preto de 30 anos tódalas parroquias e vilas do noso contorno, chegando mesmo a tocar en Portugal. Eran asiduos cada ano das Festas da Peregrina, que por  aquel entón duraban 3 semanas, das festas de Santa Lucía de Figueirido ou da procesión do Corpus Cristo de Pontevedra, onde a estampa destes vellos gaiteiros cegos tocando tralo santo fica imborrable na memoria de moitos pontevedreses. Por sorte os seus dotes como músico non caeron no esquecemento xa que tivo tempo para aprenderlle ó seu fillo Albino e deixalo como fiel herdeiro da súa tradición e arte.

                                                                                                          Por Rafael Quintía

Published in: on Novembro 16, 2007 at 2:49 pm  Deixar un comentario  

José Peres Ucha

José Peres Ucha

(17-06-1902/ 30-05-1979).Nasceu em Leborei-Cerponções (Ponte Vedra). Foi trabalhador da RENFE,

Começa por tocar de forma autodidacta uma flauta mais pequena da que se pode observar na fotografia, com uma ou duas chaves (possivelmente uma requinta). Fazia dueto com Faustino Calvo que tocava a concertina (acordeão diatónico) e há notícias de os dois terem tocado no “Baile de Verduzido”por várias ocasiões.

Mais tarde, já casado e com filhos, consegue armar uma outra flauta (a que aparece na fotografia), maior do que a anterior, com peças de flautas diferentes adquiridas em segunda mão. Esta flauta, que ainda se conserva quase na sua totalidade, consta de quatro partes (inclui “barrilete” para a afinação) e oito chaves. È de fabrico alemão ou francês nas que as chaves se inserem por meio de peças metálicas, em contraposição às de fabrico britânico nas que as chaves se inserem directamente na madeira da flauta. A partir desta altura as suas actuações com Faustino são muito raras, limitando-se a alguma participação no citado “Baile de Verduzido”, a percorrer as casas da sua aldeia pela véspera do Natal ou nalguma celebração familiar, como é o caso que ilustra a fotografia, pois trata-se duma actuação que deu, junto com Faustino, na boda dum vizinho.

Por Joâo Bieites

Published in: on Novembro 15, 2007 at 7:02 pm  Deixar un comentario  

Manuel Rey Durán

Manuel Rey Durán 

(1894-1975), popularmente coñecido como Manuco, natural do lugar do Albeiro, parroquia de Marcón. Canteiro de profesión e músico de corazón.

Un dos máis virtuosos acordeonistas do seu tempo. Formouse en solfexo co ilustre mestre Refojo de Pontevedra. No ano 1918 gaña o concurso das Festas da Virxe do Camiño ó mellor acordeonista da provincia.

Coa súa bicicleta e o seu acordeón ó lombo percorreu durante anos as parroquias e vilas de Pontevedra levando a súa música polos bailes, festas e romerías.

Ós 27 anos, tras casar, vai vivir a Salcedo onde montará no ano 1929 o seu propio Baile no lugar do Cruceiro.

Co estalido da Guerra Civil e a cruel postguerra, como tristemente ocorreu con tantos bos músicos de Galiza, trúncase a súa carreira musical e Manuco deixa definitivamente de tocar para xa non volver actuar co seu acordeón nunca máis.

Sempre viviu coa pena de que o seu fillo non tivese dotes para a música e de que non puidese segui-lo seu legado, e soía dicir da súa filla, que si tiña esas cualidades musicais, “Que pena que non fose rapaz porque sería un bo acordeonista”, pero corrían outros tempos e era impensable que unha muller andase a toca-lo acordeón polos bailes. Finalmente falece no ano 1973 sen deixar un herdeiro directo da su técnica ou repertorio, e con el vaise tamén un xeito de vivi-la música e os bailes no noso  país.                                                                                        

Por Rafa Quintía

Published in: on Novembro 15, 2007 at 7:02 pm  Deixar un comentario