OS LERENSES

OS LERENSES

 

O grupo de gaitas Os Lerenses nace na Boa Vila de Pontevedra coa ilusión de botar unhas pezas de música do país, tratando de recuperar o gusto polo toque pechado que caracterizou os seus gaiteiros de máis sona: Xan de Campañó, os de Soutelo de Montes e Ricardo Portela.

Alumnos, alá polo ano 1995, da Escola de Gaitas de Toque Pechado “Marmurios de Leucoíñacomezamos as nosas andanzas no 2000. César, José Luis, José Martínez, Maqui, Quique e Rafa, Sito, Álex Farto (principal colaborador actual ao tambor), todos eles amigos e membros.

No camiño topámonos cos mestres José Álvaro Novegil Dopazo, Eduardo Estéban (do grupo pontevedrés “Marmurios de Leucoíña”), José J. Presedo, Astrid Filgueira, Fermín e Sonsoles Martínez (dos “Trazantes de Tenorio”), Juan de Combarro, Iván Costa Blanco. Con todos eles sentímonos en débeda, e o recoñecemento é sentido e sincero; así como coa familia Seivane, Os Chichisos, Óscar de Viascón, Xan o palleteiro e Alberto do Hío. Paga a pena embarcarse con xente coma esta de compañeira de viaxe.

Pero é a don José Gutiérrez Piñeiro, “José da Chamiseira” (1919-2005), membro dos “Airiños do Mar de Hío”, a quen máis ligados estamos e por quen máis saudade sentimos. Se compensa este mundo da gaita é por persoas da bondade do señor José. Carecemos del, nas dúas acepcións da palabra. A súa devoción por Os Morenos converteuse no noso emblema.

Hai unanimidade nas influencias: Portela, Os Campaneiros, Os Soutelo, Os Morenos. Para nós, se temos que escoller entre as cachopezas e as melodías con unto, a escolla é doada: Melodías con unto. Aí está o repertorio que o testemuña: A Volta dos Ramalliños, A Farruquiña (Polca), A Rianxeira (Foliada das Rías Baixas), Jota dos Peruchos, Fandango de Pontevedra, Farruquiña chaman á porta (Muiñeira), A Pontebora (Muiñeira), etc.

O pasado non alembra, esta é a desgraza, a enfermidade crónica da nosa cultura e polo tanto da nosa música. Ante o esquecemento e morte dunha visión do mundo tan rica coma a galega, só nos resta facer unha cousa: (re)interpretar con sentimento e paixón. E ledicia.

 

COMPOÑENTES / FUNDADORES:

José Ángel Rosales González, gaiteiro (Vilaboa do Morrazo, 9-III-1972)

Xaquín García Santiago, bombeiro (Estribela, 18-VI-1963)

Ramón Rubianes Viqueira, gaiteiro (Trabanca Badiña – Vilagarcía de Arousa, 18-I-1970)

 

Contactos:

Tlf: 647 636 401

607 834 106.

 

 

Os Lerense: “Exabruptos”

 

“Os gaiteiros somos coma eses arados que se poñen de ornamento nos xardíns: afastados do seu contexto, da súa función, son recordos dun tempo que xa se foi. Sen alboradas, sen procesións, sen fiadeiros, acabaremos como reclamos de turistas”.

 

“Dos gaiteiros de hoxe dicir que todos sofren de laxitude creadora. Demasiada constipación (en sens français) cromática, demasiadas cachopezas e pouca melodía. En conclusión: estamos como queremos e así nos van as cousas”.

 

“É inevitable mencionar as bandas marciais. Delas só esperamos que sexan consecuentes coa súa marcialidade e no caso dun conflito armado entre España e…, poñamos por caso, Gran Bretaña, no campo de batalla avancen en primeira fila tocando unha marcha (composta para a ocasión polo sr. Foxo, claro). Xa vexo a escena: na vangarda, avanzando coas súas gaitas tricornias e caíndo, un por un, ante o fogo inimigo, o seu insigne director o primeiro. Deus, que marabillosa visión! Que épico! Que alivio para as arcas da Deputación!”

 

Que teñan un bo día.

 

 

 

Published in: on Novembro 18, 2008 at 8:52 pm  Deixar un comentario  

OS CHICHISOS

 

p1010002

OS CHICHISOS

 

Formación tradicional de gaiteiros do país nacida no 1992 cando un grupo de amigos con inquedanzas musicais se xuntan para profundizar no coñecemento e na aprendizaxe da música popular galega, movidos polo seu interese na conservación e difusión da nosa tradición musical.

No ano 2000 constitúese a formación actual do grupo e dende ese ano son múltiples as súas colaboracións en diferentes ámbitos da vida cultural de Pontevedra, así como innumerables son as actuacións que os Chichisos veñen realizando por todo o territorio galego e incluso en Irlanda, onde participaron no “NYAH County Cavan Arts Festival 2005”.

 

Caracterizados polo seu espírito festivo e lúdico (de aí o seu alcume de Gaiteiros de Furancho) e polo seu compromiso coa realidade social e cultural da súa cidade e do seu país, gostan de colaborar desinteresadamente con diferentes asociacións culturais, veciñais, ecoloxistas e deportivas do seu contorno.

 

Como exemplos da súa teima por manteren vivo o acerbo musical galego veñen traballando os últimos seis anos na recuperación dos “Cantos de Reis” cos nenos das parroquias de Tomeza, Bértola, Figueirido e Salcedo, tradición esta tan propia antano do Nadal en Galiza. Así mesmo, dende hai uns tres anos, traballan coa Asociación. Veciñal A Landra de Marcón na celebración dos “Seráns” ou “Xunta de Espigas” na parroquia de Marcón. Actualmente están inmersos nunha campaña reinvindicativa pola dignidade e o respeto dos gaiteiros, e na organización dunha merecida homenaxe ó inigualable John Balan, o home orquestra de Seixo.

 

 

COMPOÑENTES:

 

XOSÉ FEIJOO: Bombo, pandeiro, pandeireta e charrasco.

TOÑO VÁZQUEZ: Tamboril, pandeiro e pandeireta

ROSALÍA RODRÍGUEZ: Gaita, pandeireta e tamboril

ANA LLEVOT: Pandeireta

CÉSAR MARTÍNEZ: Gaita, acordeón.

PACO SUTIL: Gaita, frauta traveseira e pito galego.

RAFA QUINTíA: Gaita, guitarra

JOÃO BIEITES: Gaita, frauta traveseira, cavaquinho e tarrañolas.

 

Contactos:

 

Tlf: 649 123 037

676 842 942

chichisos@yahoo.es


 

 

 

Os Chichisos: CHAMAMENTO ÓS GAITEIROS GALEGOS, POLA DIGNIDADE DOS GAITEIROS:

“NON SEN O NOSO NOME”

 

 

Este é un chamamento a tódolos gaiteiros do país, ós bardos da Tribo Aturuxo, á confradía do bombo, do tamboril e da gaita, á voz do pobo e da nosa alma.

 

Un chamamento para que calen tódalas gaitas da Nazón de Breogán namentres os gaiteiros da nosa terra non reciban o trato digno que merecen.

 

Un berro ós nosos irmáns do fol para que se neguen a tocar en toda festa, romaría ou foliada onde non apareza dignamente recollido no cartel da festa o seu nobre nome de gaiteiros.

 

Rematemos co anonimato no país das gaitas. Xa o dicía o mestre don Ricardo Portela, igual que figuran o nome das orquestras ou dos patrocinadores ten que aparece-lo dos gaiteiros; e se non, non tocamos.

Estamos fartos de escoitar nos medios, de ler nos xornais ou de ver nos carteis de festas frases de menosprezo como “actuará un grupo de gaitas”, “haberá animación musical”, “tocarán uns gaiteiros” ou “haberá música de gaitas”. Non admitamos este degradante xeito de referirse á respectable actuación dun grupo de músicos tradicionais cun nome propio e un traballo, esforzo e ilusión detrás dese nome.

 

Como di o noso himno; os tempos son chegados e agora que chega o verán e o país estoupa en milleiros de festas é o momento de que digamos NON.

NON sen o respecto que merece todo músico tradicional, NON sen o trato digno que se lle debe á nosa música, NON mentres o traballo do gaiteiro non sexa recoñecido como merece selo a figura máis representativa da nosa cultura e da nosa Terra. NON tocaremos se non figuramos no cartel. Irmáns da gaita, compañeiros da foula e a brincadeira, fillos da noite no muíño, pola dignidade da nosa música berremos sen medo:

 

NON SEN O NOSO NOME!!!

 

Published in: on Novembro 18, 2008 at 8:45 pm  Deixar un comentario  

Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo

Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo A “Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo” foi creada para a conservación, o estudo e a difusión da música tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo galego, centrando o seu estudo na comarca Deza—Tabeirós—Terra de Montes. O grupo de música tradicional “Os Abrentes de Cerdedo” naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994. Isto deu lugar a unha asociación cultural, “Os Arxinas”, que comprendía un grupo de baile e o grupo tradicional de gaitas “Os Abrentes”. Co paso do tempo desfíxose a “Asociación Cultural Arxina” e quedou no seu lugar a “A. C. Os Abrentes de Cerdedo”, baixo a dirección de Manuel Campos Toimil (fundador do grupo folk “Tebra” e gaiteiro no grupo de “La Salle”), xa que el era o que tiña máis experiencia dentro do folclore. Na percusión, o mestre foi Antonio coñecido como “Valladares”, xa falecido (antigo membro dos “Morenos de Lavadores”).  A “A. C. Os Abrentes de Cerdedo” autosubvenciónase grazas ás festas que realiza o grupo de gaitas ó longo do ano. Actualmente o grupo non ten ningún mestre ó seu cargo.O grupo de gaitas utiliza un repertorio tradicional ó cento por cento, tanto pezas recollidas pola zona de Terra de Montes coma pezas doutros grupos como “Os Gaiteiros de Soutelo”, “Os Terribles de Arousa”, “Os Campaneiros de Vilagarcía”… Este grupo o que fai é respecta-la melodía das pezas e, nalgúns casos, facerlles arranxos.  Integrantes-José Luis Troitiño Lavandeira (Gaita).-Manuel Campos Toimil (Gaita).-Gumersindo Pérez Soto (Gaita e acordeón). -José Manuel Pérez Soto (Gaita).-Rubén Troitiño García (Gaita e clarinete).-Carlos Blanco Martínez (Pandeireta).-Jesús Pérez Soto (Tambor).-José Cudeiro Rodríguez (Bombo, cunchas, tarrañolas). Contactos:A.C. Os Abrentes de Cerdedo                                                                  

Rúa As Longas, nº 10                                                      

36130 Cerdedo – Pontevedra

Tlf. 675 223 159

osabrentes@yahoo.es

www.osabrentes.tk

Published in: on Novembro 16, 2007 at 2:48 pm  Deixar un comentario