Calros Solla Varela

Calros Solla Varela (Pontevedra 1971), Profesor de Lingua e Literatura galega, escritor, poeta, lingüista e investigador etnográfico. Membro da Asociación Ecoloxista e Cultural “Verbo Xido” de Terra de Montes.

Calros Solla Varela é unha desas persoas que mira ó pasado cos ollos ilusionados dun neno que abre un agasallo de nadal e mira ó futuro cos ollos resignados dun vello sabio e canso. Unha persoa que se somerxe no coñecemento da nosa cultura e na etnografía e historia da su terra nai cerdedense coa adicación e desprendemento dun monxe cartuxo, coa ilusión dun buscador de tesouros e coa certeza de saber que realmente o que procura constitúe o maior dos tesouros que poida posuír un pobo, que non é outro que a súa cultura e a súa lingua. En definitiva, a súa identidade. Como escritor é un artista polifacético e poliédrico que se goberna  con maestría e risco na poesía, a narrativa e o ensaio.  Cun dominio da lingua que excede do que se pode agardar da súa formación ortodoxa de lingüista. Calros Solla é un arqueólogo do verbo, un alquimista da fala, un mouro que encanta coa maxia das súas palabras e historias. Un vello pastequeiro que exorciza co seu saber e a súa fala o enghanido e triste meigallo da nosa ignorancia, desidia e irresponsabilidade perante a nosa propia cultura e dignidade. Nun país coma este, sobrante de desertores da terra e da fala, de kamikazes ansiosos por practicaren o harakiri cultural, de bonzos listos para inmolárense no lume da modernidade globalizante. Nun país onde o concepto de patrimonio se reduce a unha cifra na declaración de facenda ou á procura de como enche-lo peto, nun país onde a cultura é unha cousa que se pode meter nun estúpido edificio de miles de millóns, a existencia de persoas, de guerrilleiros da eira coma Calros Solla é unha acesa candea de eperanza nesta longa e interminable noite, un sopro de ar fresco e salgado do mar, un dos últimos mohicanos da Tribo Aturuxo, o derradeiro bastión na  loita por coñecer, recuperar, conservar e transmiti-lo que queda da nosa cultura oral, do noso patrimonio material e inmaterial, do que nos define como pobo e nos vencella á cerna máis antiga desta terra afastada da man de Deus e da vontade dos homes.   Se en Galicia existise un Calros Solla en cada vila, en cada aldea, en cada parroquia, esta terra tería o futuro que nunca tivo, a esperanza que necesitamos e a herdanza que merecen os nosos fillos. Pero se esta terra tivese un Calros Solla en cada vila, cada aldea e cada parroquia, esta terra non sería Galicia e nós non seriamos galegos.  E esa é a nosa pesada cruz de pedra… como a cruz do teu amado Seixo,  amigo Calros.                                                                  

Por Rafael Quintía   

LABOR LITERARIO:  

Poesía:-Autor de “Ras e tritongos. Poesía 1990-2000”, Vigo, 2003.-Autor de “Cerdedo in the Voyager I”, Vigo, 2004.-Autor de “Libro de reclamacións”, 2005… 

Ensaio:-Autor de “Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario Xeral”, Vigo, 2002.-Autor de “Cerdedo na obra do Padre Sarmiento”, Pontevedra, 2002.-Autor de “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo”, Vigo, 2005.

Advertisements
Published in: on Novembro 16, 2007 at 2:50 pm  Deixar un comentario  

Sonia Abollo Cuéllar

SONIA ABOLLO CUÉLLAR (Pontevedra 1972) Ceramista e actriz

“A cerámica camiña da man do home dende a prehistoria, e continúa a súa evolución a pesar de seguir camiños a maioría das veces descoñecidos.

O teatro non pode ser pusilánime, ten que provocar auténticas revolucións”

Sonia Abollo

 

EXPOSICIÓNS

* Terra, Auga, Lume… Cerámicas. Alumnos Taller da Delegación Provincial de Cultura de Pontevedra, Sala Teucro 1998.

* Exposición Cerámica. Alumnos curso Ceramista- Modeladora- Escultora, Museo Manuel Torres de Marín, Pontevedra 1998.

* Exposición Cerámica. Colectivo Asociación Cultural de Cerámica ARXILARTE, Museo Manuel Torres de Marín, Pontevedra 2000. 

* Exposición Cerámica. Colectivo Asociación Cultural de Cerámica ARXILARTE, hotel Covelmar de Poio, Pontevedra 2000.

* Exposición Cerámica-Pintura. Colectivo Asociación Cultural de Cerámica ARXILARTE Pintor Xaquín Soneira. Museo Manuel Torre, Marín, Pontevedra 2001.

* Exposición Cerámica-Pintura. Colectivo Centro de Arte MA-TE, Sala de Exposiçóes Municipal de Valença do Minho, Portugal 2002.

* Exposición Cerámica-Pintura. Colectivo Centro de Arte MA-TE, Museo Manuel Torres de Marín, Pontevedra 2002.

* Exposición Cerámica-Pintura. Colectivo Asociación Cultural de Cerámica ARXILARTE – Pintor Xaquín Soneira. Ateneo Santa Cecilia, Marín, Pontevedra 2002.

*Exposición cerámica. Colectivo Asociación Cultural de Cerámica ARXILARTE, sala de exposicións Nelson Mandela, Factoría do Sur, Pontevedra 2002.

*I Mostra de Artes Plásticas e Fotografía de Pontevedra. Sala de Exposicións do Teatro Principal, Pontevedra 2002.

* Exposición Cerámica-Pintura. Colectivo Centro de Arte MA-TE, Sala de Exposiçóes Municipal de Valença do Minho, Portugal 2003.

CERTAMES E PREMIOS:

* 2º Premio Modalidade Cerámica. XII Certame Galego de Artes Plásticas, Xunta de Galicia 1999.

* 2 Obras Seleccionadas en Catálogo. XIV Certame Galego Artes Plásticas, Xunta de Galicia 2000.

* 3º Premio Modalidade Cerámica. XV Certame Galego de Artes Plásticas, Xunta de Galicia 2001.

* 7ª Mostra Artxove. Modalidade Escultura. Concello de Pontedeume, 2002.

*2º Premio Modalidade Outras Manifestascións Artísticas. XVI Certame galego de Artes Plásticas, Xunta de Galicia 2002.

 

ACTIVIDADE TEATRAL:

* Membro da AULA DE TEATRO MUNICIPAL DE PONTEVEDRA dende a súa creación no ano 2000.

* Premio á Mellor Actriz de Reparto na VII Edición do Certame   Nacional de Teatro de Reinosa, 2002.

* Nominada Mellor Actriz no Certame Cabana de Bergantiños, 2002.

* Premio á Mellor Interpretación Feminina na II Mostra de Teatro Afeccionado de Laxe, 2002.

*  Nominada Mellor Actriz Principal  na IX Edición do Certame   Nacional de Teatro de Reinosa, 2004.

Published in: on Novembro 15, 2007 at 7:13 pm  Comments (1)  

Francisco Sutil Barbosa

 

Francisco Juan Sutil Barbosa (Pontevedra 1971), Pintor e restaurador de arte. 

Trazo groso, pulso firme, tres cores básicas na súa paleta e catro elementos máxicos ós que entregarse nunha comunión atábica para plasmar dende o máis fondo da alma, cos ollos puros dun artista ceibe de complexos e modas a paisaxe e a natureza desta nosa terra nai.

A obra de Sutil retrotáenos ás oríxes, somérxenos no seo materno da terra, fainos flotar no líquido amiótico da choiva, do mar e dos ríos. Cóspenos sen adornos a beleza que nos rodea e que tantas veces nos negamos. Afúndenos na cromática da súa obra lémbrandonos de onde vimos e a onde pertencemos.

Fiel á técnica e á máis nobre tradición paisaxística, Sutil convértese nun radical provocador fronte a un enfermo mundo artístico no que toda creación que carece do obrigado tufo a “ falsa innovación”, vangarda ou pretendida orixinalidade, non é valorada nin merecedora de espazo, divulgación ou recoñecemento.

En definitiva, un verdadeiro pintor nun estúpido mundo sobrante de falsos artístas.

Por Rafael Quintía

 

 

ACTIVIDADE ARTÍSTICA

1992:- Inicia estudos na facultade de Belas Artes de Pontevedra.

1998: -Obra subhastada na galería de arte “ANSORENA”. Madrid.

1999: -Exposición no Liceo Marítimo de Bouzas. Vigo.

2000: -Exposición no Museo Manuel Torres. Marín.

-Exposición na galería “ARCANA”. Vilagarcía.

-Exposición no Museo Diocesano da Catedral de Tui.

-Exposición poético-pictórica titulada “TERRAS RARAS” xunto ó poeta Carlos Solla no Club Náutico de Vigo.

-Exposición no centro de arte-tapería o “Masón”.

2001: -Mención da exposición “TERRAS RARAS” e mostra da pintura “ A pedra do equilibrio” no libro-homenaxe a Inés Canosa “ MULLER DE DOCE SAL”.

-Obra no poemario de Carlos Solla “TERRAS RARAS”. Fundación cultural Arte Tripharia. Colección Roibén.

2002: -CERDEDO, DÚAS VISIÓNS. Presentación do libro “Cerdedo. Inventario Xeral exposición poético-pictórica

-LUZ E PAISAXE. Exposición no Hotel Justo. Sanxenxo. Pontevedra

-Exposición na cervexería FEIRA VELLA Pontevedra

2003:-Exposición Hotel Justo. Sanxenxo. Pontevedra

-Exposición na cervexería Feira Vella de Pontevedra

2004- Luz e paisaxe. Castelo de Soutomaior. Deputación de Pontevedra

NADIR. Camiño de Compostela. Xunta de Galicia.

Expoñer en Pontevedra

“As dificultades que un artista tivo para expoñer nunha cidade como Pontevedra sempre foron grandes, tendo en conta que a cidade só contaba cunha sala de exposicións, a que tiña a Caixa de Pontevedra, agora Caixa Nova, na praza de San. Xosé, sempre e cando o devandito artista contase cunhas doses de paciencia bastante importantes xa que tiña que esperar como mínimo un ano para poder presenta-la súa obra ó público.

Na actualidade a situación semella se-la mesma a pesar de contar cunha facultade de belas artes. Resulta complicado de entender como contando cunha suposta canteira de artistas no seu interior non existe o menor contacto coa cidadania, contacto que resultaría sumamente enriquecedor para ambos.

A sala de exposicións de Caixa Nova apostou polas grandes exposicións de artistas consagradísimos (Sorolla, Lugrís, etc.) que enriquecen notablemente a vida cultural da cidade pero que deixa os artistas non consagrados á marxe desta e impídese deste xeito a súa divulgación e o
intercambio de ideas. Ante esta situación as autoridades pertinentes deberian concienciarse da necesidade de crear espazos públicos onde a actividade cultural desta cidade puidese manifestarse sen ter que acadar grandes cotas de éxito.

Os espazos de divulgación cultural públicos servirian para dota-los artistas de total liberdade (ideolóxica e estética) á hora de expone-la súa obra, e evitaría a selección de artistas por modas e ideoloxías, de xeito que fose só a orde de petición a que prevalecese á hora da concesión da sala, só o público e os críticos serian os encargados de comentar e da-las súas opinións.

Todo artista precisa de lugares onde amosa-lo seu traballo con total liberdade, sen que o xulguen con falsos esnobismos e modas e libre de prexuizos; á fin e ó cabo a arte é unha prolongación das nosas vidas, das nosas ideas e emocións: deixemos que flúan con naturalidade ante os nosos ollos”.

por Francisco Sutil

Published in: on Novembro 15, 2007 at 7:11 pm  Deixar un comentario