A CHAVE

“A Chave”

 

É un xogo propio da nosa terra. Pra xogar abonda cunha chave (hai diferentes tipos dependendo de cada zona) e os pellos, que son lanzados contra a chave a unha distancia de entre 20 e 30 pasos.

 

A chave de pas horizontais consiste nun aparello de ferro duns 75 centímetros de longo, que ten na parte superior unha, dúas ou tres asas, tamén chamadas aspas, de diferentes tamaños, a máis pequena por riba, que xiran en sentido horizontal sobre un eixo que está espichado no chan.

 

Pódese xogar tanto individualmente, por parellas ou por equipos. O desenvolvemento do xogo consiste en que cada persoa ten que lanza-los pellos cara á chave, e dependendo de se bate nunha ou noutra aspa leva diferente puntuación. A partida xógase a un número de xogos acordados con anterioridade.

 

O sistema de puntuación é diferente dependendo da zona, mais por norma xeral cada vez que se lle atina á chave súmanse oito puntos na aspa grande, dez puntos na aspa pequena e un punto no eixo. De tódolos xeitos cada zona, comarca ou parroquia ten o seu propio sistema de puntuación, polo que se recomenda informarse a través dos veciños da zona. 

 

Por Roxo

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:36 pm  Deixar un comentario  

A Billarda

“A Billarda” Billarda, birlo, estornela, pateiro, pincha, pinche, rebola, e unha chea de nomes máis son os que ten este vello e coñecido xogo galego, aínda que tamén hai referencias deste xogo noutros sitios como Asturias, Euskadi, Catalunya, Castela León, Estremadura, Andalucía, A Rioxa, Aragón, Valencia, Portugal, Francia, etc. Tantos son os nomes polo que se coñece o dito xogo como as regras de xogo, que adoitan ser zonais. Pódese dicir que o xogo consiste, basicamente, en darlle cun pau “palán” a outro máis pequeno “billarda” pra que salte o máis lonxe posible. Daquela, o palán é un pau de aproximadamente uns 50 cm de longo e 2 ou 3 cm de ancho, a poder ser dunha madeira dura xa que durante o xogo báteselle moitas veces. Por outra banda precisamos doutro pau, a billarda, que será do mesmo ancho que o anterior, mais o longo será de 15 ou 20 cm e aguzado nas puntas. Precísase dun espazo amplo pra xogar. Pódese xogar individualmente ou por parellas. Comézase o xogo batendo co palán nunha punta da billarda e o que conseguía que ficase a billarda máis lonxe comezaba o xogo do mesmo xeito, dende o punto de partida. Así que vai caendo a billarda váiselle batendo ata tres veces, e despois hai que calcula-la distancia, medida en paláns, dende o punto de partida ata o sitio onde caeu por terceira vez a billarda. Se acerta no cálculo, segue xogando, e se non os puntos son pró equipo contrario e vólvese  empezar un novo xogo.  Por Roxo

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:02 pm  Deixar un comentario