O ZARRALLEIRO

É o latoeiro ambulante, o que arranxaba as cousa vellas ou estragadas, as potas, as tixolas,tarteiras, etc. Percorría as vilas e aldeas co seu caixón  de madeira cheo de ferramentas e a súa zafra.

 

No caixón de madeira levaba tódalas ferramentas necesarias para os seus arranxos: martelo, tenaces, alicates, tesoiras, soldador, estano, remaches,  anacos de aramio, recortes de folla de lata e máis ferrallada que lle poida ser útil no seu traballo.

 

A zafra consiste nunha barra de ferro duns 0,76 m de longo que anchea nun extremo formando unha cabeza e remata en punta no outro para poder espichala no chan. Para que non se enterre demasiado leva un tope a 10 cm da punta.

 

Sentado no seu caixón de madeira empregaba a zafra a xeito de soporte e molde  para darlle forma coa axuda do martelo ós materías que ten que empregar para as reparacións.

 

Rematado o traballo cobraba, recollía no seu caixón, as súas ferramentas e proseguía o seu camiñar ambulante polos camiños do país ofrecendo os seus servizos ó berro “Quen ten potas que arranxar !!”

Advertisements
Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:37 pm  Deixar un comentario  

O capador

O Capador Cada vez son menos os capadores que quedan no país, aínda que non será pola necesidade deles, sobre todo no eido político. Bromas á parte, o capador era unha figura característica no mundo rural galego. O capador ía de aldea en aldea anunciando os seus servizos facendo soa-lo pito de capador (ver seguinte apartado) cunha tonada característica e diferente da doutros oficios como o afiador, por exemplo.O seu labor fundamental era capa-los porcos para que o cocho dese boa carne para a matanza. Antigamente os capadores tamén realizaban operacións de vesícula biliar, abrindo o paciente para extrae-la vesícula e despois coser cunha tripa de porco. A falta de hixiene e de ferramenta cirúrxica adecuada facía que a meirande parte das veces o paciente mórrese debido ás infeccións causadas.  O capador soía compaxina-lo seu oficio co de campesiño, xa que só deste traballo sería imposible vivir. Así mesmo, tamén era habitual que nas aldeas algún dos vecinos soubese face-los labores máis básicos dun capador. 

                                                                                        

      Por Rafael Quintía 

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:02 pm  Deixar un comentario