Anécdota das árbores do “Marqués”

“As árbores do Sr. Marqués


Corían os primeiros anos do 1900 e as familias nobres e aristócratas de Pontevedra seguían a gozar de tódolos beneficios e prevendas de se-la clase social dominante.  Resulta que as árbores do terreo do Marqués de Montero Ríos entrábanlle na horta dun labrego lindante, cos sabidos perxuízos que a sombra orixina nos cultivos. Por varias veces foi o veciño falar co capataz do predio para ver se lle podían derrama-las pólas que lle invadían a horta. Pero todo intento era inútil. Farto de que o capataz non lle fixese caso pediu audiencia co propio Marqués de Montero Ríos. E así foi como un día que o Marqués veu de Madrid accedeu  a recibi-lo campesiño.O labrego, coa listura que dá a  fame e a necesidade, expúsolle ó Marques o litixio que tiña un suposto amigo del cun veciño, cuxas árbores invadían a súa propiedade e non accedía a cortalas. O Marqués, docto en leis como avogado que era, díxolle:-O caso está moi claro, o veciño ten que corta-las pólas que  entran na propiedade do seu amigo. Iso é o que claramente di a lei. -Pero, claro, é que o veciño non lle fai caso e non quere  corta-las pólas. -Nese caso o seu amigo ten dereito a podarlle as árbores a rente do seu linde.-Sr. Marqués para vostede iso é facil de dicir por que é quen é, pero o meu amigo é un pobre labrego e ninguén lle vai facer caso. ¿Vostede faríame o favor de asinarme un escrito dicindo que ten dereito a corta-las pólas que lle entren na súa propiedade? -Claro que si, home, claro que si.Ó día seguinte o labrego cortou a rente tódalas pólas das árbores do Marqués que lle invadían o seu terreo. Inmediatamente achegouse o capataz para recriminalo polo que estaba a facer, momento ese no que o pícaro labrego sacou o papel asinado polo Marqués e espetoullo na cara ó servil capataz. Cando o capataz lle foi co conto ó Marqués disque este ferveu de rabia ante a idea de que el, o Marqués de Monetro Ríos, fose  enganado por quen chamaba un simple paleto.    

Advertisements
Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:59 pm  Deixar un comentario  

Anecdota do Manso e o ladrón do barco

“O Manso e o ladrón do barco”


Unha das moitas anécdotas que se contan do Manso, famoso pastequeiro de Tomeza, é a que relata como foi quen de resolve-lo misterio do ladrón que actuaba nun barco pesqueiro da Coruña. Contan que os armadores do barco o foron buscar para levalo á Coruña coa esperanza de que descubrise o ladrón que lle andaba a rouba-lo peixe e os apeiros no barco.

O Manso presentouse no barco e pediu unha tixola emborrallada, aceite e unha galiña branca. Coa tixola manchada de aceite  embadurnou a galiña de negro e fixo formar a toda a tripulación na cuberta do barco. Cando os tivo alí formados díxolles: – Irédeslle pasando un a un a man polo lombo á galiña, no intre en que o ladrón a toque, a galiña vai cacarexar. E así foron pasando un a un tódolos mariñeiros e a galiña non cacarexou. Unha vez rematado o procedemento e ante a perplexidade do patrón e dos mariñeiros dixo o Manso con voz segura:  -Agora que poña todo o mundo as mans cara a arriba.Tódolos mariñeiros tiñan as mans manchadas do borro da galiña menos un, e mirando cara ó patrón  espetoulle o Manso: -Aí te-lo teu ladrón. 

Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:58 pm  Deixar un comentario  

Os heroes do Campo da Porta

campo-porta

“Os heroes do Campo da Porta”

Corría o último cuarto do século XIX e con el estábase a produci-la articulación dun novo marco político e o asentamento dunha nova orde social e económica en España. Vivíase o chamado periodo da Restauración. Os custos destes cambios e o despegamento eonómico recaían sobre as clases sociais máis desfavorecidas, carentes de representación política. Isto estaba a provocar un aumento do asociacionismo e da conflitividade social. No rural as sociedades de agricultores e gandeiros movilizábanse contra as células e o aumento dos arbitrios. Nas parroquias as protestas veciñais contra a suba dos impostos municipais incrementábanse e alcanzáronse os incidentes de maior gravidade no ano 1894 na parroquia de Salcedo. Aquel ano, para maior desgraza do pobo, á carga dos impostos uníranselle as grandes perdas na gandeiría e na colleita do millo ocasionadas polo desbordamento do río Batán. Iso unido ós estragos que na comunidade estaba a facer o cólera e a varíola provocaron que os veciños adoitaran a decisión de non pagaren as células. Na mañá do 19 de xuño do 1894 os axentes recadadores presentáronse no lugar do Campo da Porta para executa-lo embargo e proceder contra os vecinos desta parroquia que se negaban a realiza-lo pagamento das devanditas cédulas. As protestas foron tan multitudinarias e enérxicas que impediron a actuación da Garda Civil que acompañaba os axentes e acabaron expulsando os axentes recadadores xunto cos seus acompañantes. Os recadadores foron pedirlle axuda ó Goberno civil e esa mesma tarde enviáronse reforzos para aplaca-la protesta. Segundo contan os vellos da parroquia, os gardas civís subían andando cara a Salcedo e ó chegaren á taberna da Meneca pararon a botarlle unhas xerras de viño. Ó remataren, escacharon as xerras contra a parede e xa ben quentes e “motivados” proseguiron o seu camiño cara ó Campo da Porta. Contan que nada máis chegaren ó lugar enfrontáronse cuns mozos que por alí andaban. O certo é que a súa brutal actuación causoulles feridas a un rapaz e unha rapaza. Este feito provocou aínda máis a irritación e a raiba dos vecinos que acosaron as forzas públicas ata tal punto que a Garda civil disparou contra a multitude, feriu numerosas persoas e causóulle-la morte a dous homes e unha muller. Os seus nomes eran: Francisco Piñeiro, José Rodríguez Rial e Manuela Couso. Dende entón estas vítimas da represión e da loita pola xustiza e o dereito a unha vida digna son coñecidas como Oss Heroes do Campo da Porta Heróes do Campo da Porta. Uns cantos vecinos foron denuncia-los feitos ó Goberno Civil e ficaron alí detidos por alborotadores e incitadores. Os mortos foron levados ó hospital nun carro do país tras botaren toda a tarde tirados no chan. O posterior enterro foi unha grande mostra de dor á que se sumaron veciños doutras parroquias.Hoxe en día existe neste lugar de Salcedo un monumento conmemorativo a estes heroes e mesmo a asociación de veciños de Salcedo leva o seu nome en homenaxe a tales xentes. No cemiterio parroquial existe unha tumba onde din que descansan os restos das tres vítimas, cuxa lápida di: “En memoria de Manuela Couso, José Rodríguez, Francisco Piñeiro, víctimas en defensa de la agricultura”

Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:57 pm  Deixar un comentario  

Castelao en Pontevedra

 “Castelao en Pontevedra” No ano 1916 Castelao tarsládase a Pontevedra para ocupa-la súa praza como funcionario de estatística. Aquí viviu durante 20 anos e á parte da súa vida cultural e política, soubo descubrir e gozar coma ninguén da beleza e calma deses máxicos recunchos agochados nas nosas parroquias, moitos dos cales por desgraza hoxe degradados. 

Xa estando no exilio en Bos Aires, lembrando os seus anos pontevedreses, escribiu os  emotivos e fermosos textos sobre esta cidade  e os seus arredores, recollidos no seu libro As Cruces de Pedra na Galiza. A continuación reproducimos ese fragmento do libro.


 Eu vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado á fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela i espranzas de retornar a ela.Empezo a ser vello e a vivir de recordos. Algunhas veces acode á miña memoria un cantar de requintada morriña.

 

Vai tan lonxe a mocedade,
está tan perto o meu fin,
que ás veces sinto vontade
de poñer loito por min
  Pero non é que eu enloite o meu esprito porque a mocedade fuxise de min. Eu apénome de non poder ir a Pontevedra, que é unha fonte de xuventude, onde se curan os alifaces da vellez. Volver a Pontevedra sería mesmo que recobrara a mocedade perdida. E así como anteo revivía ao caer ao chan e soio morreu por non poder tocar terra, así eu me libraría da vellez con soio pisar terra pontevedresa.Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra. Entón a miña alma cantaría gozosa este cantar. Xa morrín, xa me enterrei,e agora xa estou eiquí.Nin a terra me comíasen despedirme de ti

 Todo, todo, pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra. Vivo ou morto, alá irei como se di que van os romeiros a San Andrés de Teixido, que “alá van de mortos se non van de vivos”. Pero eu espero chegar vivo parra curarme das inxurias do tempo. E non entanto vou coa imaxinación … 


Para ensoñar mundos de absoluta felicidade, Libre de carne mortal que afoga a vida dos  Vellos, eu séntome á beira do Lérez. Pouso os meus pensamentos nas beiras das augas, como as ponlas caidas dos albres que dan sombra. Estou alí horas e horas, ensumido en min mesmo. Deste xeito participo da ledicia de San Amaro, cando estivo trescentos anos asexando o paradiso a través dun buratiño dunha porta. Ou como Don Ero, o fundador de Armenteira, que tamén estivo trescentos anos escoitando a un paxariño.Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!.          As Cruces de pedra na Galiza

Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:56 pm  Deixar un comentario  

O aviador Piñeiro: O home que soñou coa gloria

O AVIADOR PIÑEIRO: O HOME QUE SOÑOU COA GLORIA Ninguén diría cando naceu naquela pequena aldea galega que José Piñeiro fose un home nacido para a gloria. Tampouco cando medrou, tan pouco resolto en aproveita-las oportunidades de estudo en San Sebastián que o seu pai lle brindaba non sen grandes sacrificios. Fíxose adolescente descoñecendo por que todo o agobiaba, xa fosen os estreitos límites dunha aldea ou as aulas nunha gran cidade. Só sabía que era distinto. Coma se o combustible que necesitaba non se vendese na gasolineira e non soubese onde mercalo. Inconformismo puro, que unido á súa ansia de acción e aventura levouno a alistarse voluntario como carne de canón e metralla para a guerra de Cuba.Non sabemos moito do ano que pasou na fronte desde o seu alistamento ata a súa baixa por enfermidade, pero algo podemos intuír: as privacións e a disciplina non ían con el. Así que decidiu que o estudo non era tan malo despois de todo. Rematou a carreira de mecánico naval e comezou a navegar. Porén, o seu espírito libre e salvaxe seguía aí, latexante. E mentres, o seu destino íase escribindo. Casa cunha rica herdeira. Como bo sedutor, primeiro conquistou a nai de tal xeito que se convertiría para sempre na súa principal valedora.Cos cartos que a súa sogra lle facilita, merca unha fábrica de gaseosas e, como apenas uns meses despois nace o seu primeiro fillo e pouco máis tarde unha nena, diríase que o inquedo Piñeiro sentou definitivamente a cabeza, pois aquela familiar e desafogada vida colmaría os desexos de calquera. Pero Piñeiro non é calquera. Sabe que naceu para a gloria e a única incógnita que o atenazaba era como habería de alcanzala. Esa dúbida despexouse o día en que, con 32 anos, Piñeiro viu voar un avión en Pontevedra ós mandos dun piloto francés. Ocorreu o 20 de agosto de 1911, durante as festas da Virxe Peregrina. A maioría dos homes limítanse a segui-lo avión; outros, porén, lonxe de viviren ó ditado, labran o seu propio destino. Piñeiro é destes últimos, e trala exhibición aeronáutica tomou a decisión: sería aviador.E foino. Dos grandes, senón máis. Competiu e venceu os todopoderosos aviadores franceses, voou ante cincuenta mil espectadores en Bos Aires e realizou acrobacias no medio dunha tormenta na Habana, cando ninguén máis se atreveu. E todo isto fíxoo cunha bicicleta con ás. Porque o modelo de avión que sempre utilizou, o Bleriot XI, co que o seu construtor cruzou en 1909 por primeira vez o Canal da Mancha, era un monoplano sumamente sinxelo e fráxil. Tiña a á alta arriostrada con tensores, de corda constante e extremos curvados. Cada semíola era facilmente desmontable e estaba formada por costelas de madeira e algunhas de aluminio recubertas con tea impermeabilizada. Carecía de superficies articuladas de alabeo, dirección e profundidade, podendo o piloto gobernar moi precariamente esas variables mercede a modificacións na superficie dos planos de sustentación, alabeándoos mediante o mando exercido sobre cables. Nestas condicións era moi difícil corrixir ventos cruzados nas manobras de despegue e aterraxe. Por outra parte, o mando de profundidade non era nada preciso nos ascensos, manobras moi comprometidas, acompañadas do continuo e inminente perigo da entrada en perda e subseguinte barrena. E como se entra en perda cando a forza de sustentación é vencida pola de gravidade, unha vez que esta ocorrera, as superficies de mando do avión carecían totalmente de efectividade. Ademais, o piloto tiña unha moi imprecisa referencia de velocidade, dado que o anemómetro estaba constituído por unha variña flexible cunha curvatura que indicaba moi mal a velocidade sobre unha escala graduada. Se a todo isto engadimos que os cambios de rumbo se efectuaban “ó prato” (metendo o pé no mando de dirección) con escaso mando de alabeo; que o par motor convertía en perigoso calquera xiro á dereita, podemos comprender que os pilotos da época preferisen voar en ausencia de todo vento, xeralmente ó amencer e ó atardecer.Por iso, ademais de habilidade e pericia (pois debe facer fronte a tódalas servidumes que o voo impón, como comproba-la estabilidade do aparato, vixia-lo réxime do motor, coñecer cal era a súa posición, conserva-la dirección e ser quen de localizar un terreo improvisado se por desgraza o motor falla), para subirse a estes aparatos facía falta algo que non se ensina en ningunha escola do mundo e que Piñeiro tiña a esgalla: valor. Non ese valor inconsciente de lanzarse á morte cos ollos pechados, senón aquel que require avalia-los riscos e asumilos; cunha fe tal en si mesmo e nas súas posibilidades que para o resto dos mortais sería simplemente temeridade ou tolemia. A aviación seríao todo para el e a ela consagrará a súa vida.Froito desa dedicación foi o legado que deixou ó se-lo único aviador galego que participou na etapa heroica da aviación (que conluíu coa P.X.M.). Así, a importante contribución de Galicia á historia da aviación española débese sen lugar a dúbidas a Piñeiro. Porque se tres foron as xestas con repercusión internacional realizadas pola aviación española: a travesía do “Plus Ultra” —desde Palos de Moguer a Bos Aires—, o voo Madrid-Manila —da “Patrulla Elcano”— e o voo do “Jesús del Gran Poder” —co seu periplo polo Amazonas—, tres galegos foron os que as coprotagonizaron; e todos eles, tanto Loriga como Iglesias Brage e Ramón Franco (estes dous últimos nacerían, como Piñeiro, na comarca de Ferrol), manifestaron en diversas ocasións que a súa paixón por voar naceu da contemplación dos voos de Piñeiro.A diferenza que existe entre Piñeiro e os outros tres aviadores —ademais do feito de que estes non participaron na etapa heroica da aviación— é o carácter co que desenvolveron as súas carreiras: os tres foron militares. Iso significaba que cando un avión se accidentaba ou avariaba, o Exército dáballes outro.Para Piñeiro a súa aventura supuxo a súa ruína económica, un custo pequeno por persegui-lo seu soño e alcanzalo. E, con el, a gloria de converterse en heroe.           Por Carlos Quintía 

NOTA: O autor do artigo ten escrita a primeira biografía do aviador Piñeiro: El vuelo de la gaviota

Published in: on Novembro 16, 2007 at 2:37 pm  Comments (1)