Carballeira de Catasós

Tamén coñecida como Carballeira de Quiroga. Localízase na parroquia de Santiago de Catasós, Concello de Lalín, na estrada Nacional 525 (Santiago-Ourense) a 4 km do dito concello.

 A Fraga Catasós está formada por un bosque mixto de Carballo e Castiñeiro.

Permítenos, pola súa importancia e singularidade botánica, atopar especies animais e vexetais que xa non son visibles noutros lugares.

 A pesar de ser un espazo reducido (5Ha aproximadamente), este souto conserva os exemplares de Castiñeiro máis altos de Europa de 30m de altura e máis de 5m de circunferencia na súa base.

No lugar existen paneis divulgativos que permiten aumenta-lo coñecemento sobre a fraga e o seu contorno.

 Perderse nesta fraga supón unha máxica experiencia para os sentidos e unha viaxe no tempo para descubrir e gozar de cómo eran os soutos e os bosques galegos antano, antes de que os eucaliptais e piñeirais invadisen o noso país e destruísen a nosa naturaza e beleza autóctona.

Advertisements
Published in: on Maio 31, 2010 at 2:48 pm  Deixar un comentario  

Monte da Fracha

Inmensa mole pétrea omnipresente sempre dende a nosa cidade e á vez descoñecida pola gran maioría, que vive de costas a un dos montes máis impresionantes e fermosos do noso contorno. Se ben, coa construción do merendeiro, cada vez é máis a xente que se achega a este Olimpo pontevedrés a gozar dun día de relax e natureza.

 A pesar de carecer da exuberancia arbórea do masificado parque do Lago de Castiñeiras, así como das súas comodidades e servizos, a Fracha ofrécenos múltiples posibilidades de ocio. Un contorno agrestre cheo de pequenos cumios, misteriosas pedras e enormes rochedos que explorar, infinidade de camiños e carreiros para camiñar ou perderse coa bicicleta, que non cos ruidosos e erosionantes quads tan de moda hoxe en día. Unhas vistas excepcionais da ría de Vigo e de Pontevedra e un contorno onde gozar coa observación dos cabalos que aínda viven ceibes no monte e das aves. Por desgraza a masa forestal autóctona é moi escasa.

 Por último, o monte da Fracha constitúe un espazo libre de contaminación lumínica onde poder gozar dunha noite de estrelas ou de luxuria pagá, e como diciamos ó principio, un merendeiro con escasa sombra, que todo hai que dicilo, onde entregarse ó pracer galaico de facer unha churrascada coa familia e cos amigos. Iso si, coidadiño co lume que xa tivemos dabondo este verán.

 Por degraza este magnífico monte foi un dos máis castigados coa vaga de lumes do pasado verán. Agardamos que a nai naturaza se recupere pronto e poidamos volver á Fracha co corazón limpo de cinzas.  

Published in: on Maio 31, 2010 at 2:47 pm  Deixar un comentario  

O río Lérez en Bora e Xeve

Existen ó longo do río Lérez innumerables lugares fermosos  onde gozar do noso río en plena natureza.Quizais un dos máis fermosos, accesibles e idóneos para o baño sexa o treito que discorre por Bora e Xeve.  Xunto á ponte colgante de madeira que une ámbalas beiras existe unha pequena “cala” de cantos rodados entre a espesura do monte e as ruínas de dous vellos muíños. Aquí a corrente da auga e rápida e limpa, mais a pouca profundidade no verán (apenas 2m no máis fundo) e o leito  empedrado, limpo de lama e sen remuíños fan deste treito un lugar seguro para o baño. A  forza da auga ó baixar polas pedras e as burbullas que forma converten estes pequenos saltos nun enxebre yakuzzi natural.Indo cara a arriba hai un par de meandros no río onde os depósitos de area formaron unhas pequenas praias fluviais, ideais para tumbarse ó sol ou merendar. Aquí o río baixa máis embalsado e o fondo presenta maior acumulación de limo e materia orgánica, polo que cómpre ter máis tino ó se bañar. En definitiva un lugar marabillosos e tranquilo a 10 minutos de Pontevedra onde  darse un refrescante baño sen os agobios estivais das nosas praias máis próximas. 

Rafael Quintía

Published in: on Novembro 30, 2007 at 3:03 pm  Deixar un comentario  

Eucalipto de Matalobos (Salcedo)

p1010141

Eucalipto de Matalobos (Salcedo): Un dos eucaliptos máis grandes, vellos e impresionantes de Galiza. Posiblemente dos primeiros que se plantaron no noso país e quizais dos poucos que mereza ser conservado.

Este eucalipto situado no lugar de Matalobos, na parroquia de Salcedo, constitúe pola súa magnitude un prodixio natural que debe ser conservado e protexido.

Rafael Quintía

Published in: on Novembro 30, 2007 at 3:02 pm  Deixar un comentario  

Os cabazos do Alcouce (Figueirido)

alcouce

O Alcouce e os seus cabazos (Figueirido):

Existe na parroquia de Figueirido un lugar de gran interese etnográfico. Trátase do lugar do Alcouce, e o seu pequeno núcleo de casas coas súas corredoiras estreitas que desembocan na femosa praza que oculta de miradas indiscretas fai as veces de patio de veciños onde bota-la tarde falando, rueiro de nenos e auditorio improvisado de festas e concertos. Pero se por algo destaca o Alcouce é polo grande número de hórreos que alí se atopan e polo seu bo estado de conservación. A meirande parte deles son canastros rectangulares de pedra, da tipoloxía propia das Rias Baixas. Alegra saber que nun recuncho das nosas parroquias aínda se valora e conserva a pezas máis fermosas e emblemáticas da nosa arquitectura tradicional.

Rafael Quintía

Published in: on Novembro 30, 2007 at 3:01 pm  Deixar un comentario  

Os muiños do Batán (Salcedo)

p1010128

Muíños do Batán (Salcedo)

Conxunto de muíños de grande interese etnográfico, aínda que en total abandono e deterioración. Enmárcanse no fermoso e degradado treito do río Batán ou Outeiro que vai dende a A9 ata a ponte do Batán. Formado por 5 muíños de rodicio horizontal, 4 deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga e dous infernos. Pódese ve-la moa deste muíño tirada no río entre o lixo esperando a ser expoliada. Ata hai ben pouco o segundo deles aínda estaba en funcionamento e en perfecto estado de conservación, antes da visita dos terroristas do patrimonio, e pódese observa-los restos ciscados polo chan da moxega que ía enriba da moa. É unha pena e unha vergoña para todos nós que este conxunto de muíños, exemplo da tecnoloxía preindustrial, estea en total abandono e non corran a mesma sorte cós muíños da Barosa ou os famosos muíños do Folón e do Picón restaurados polo Concello do Rosal e declarados Ben de interese Cultural pola Xunta .

Rafael Quintía

Published in: on Novembro 30, 2007 at 3:00 pm  Deixar un comentario  

O Monte do Seixo

O Monte do Seixo:

Un dos lugares máis interesantes e impresionantes da nosa provincia.

Unha verdadeira  montaña máxica a apenas 30 km de Pontevedra capital.

Un lugar onde reatoparse coa maxia, a espiritualidade e os misterios e lendas desta terra. Presentamos a continuación o excelente tríptico feito pola Asociación Verbo Xido onde nos propón unha fabulosa aventura  gozando do roteiro que percorre estas milenarias terras. Así que xa saben, a camiñar e a aprender das pedras!!

  

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:10 pm  Deixar un comentario  

O Monte das Croas

O Monte das Croas (Salcedo):

Se partimos da idea de que a CROA é a fortificación exterior dun castro, xa podemos ter unha idea da riqueza que pode agochar este monte de Salcedo. Para non desentoar coa tónica do país este contorno atópase totalmente deteriorado polas extraccións de pedra que alí tiveron lugar, así como pola maleza, recheos e esterqueiras varias. 

Prospeccións arqueolóxicas teñen atopado restos de edificacións castrexas. Cousa que por outra banda é facilmente deducible se un dá unha volta por este monte cuxa morfoloxía e localización o converten nun promontorio defensivo ideal. Observando o chan aínda se poden distinguir baixo a terra as depresións correspondentes a formacións circulares. Na costa de subida ó monte existe un cruceiro descabezado, cristianizador destes acubillos de mouros e fadas. Malia esta riqueza arqueolóxica e o seu potencial didáctico e turístico, non parece haber plans nin vontade a curto prazo para recuperalo do total abandono. É que por desgraza neste país seguimos sen valora-lo que temos e a tola carreira cara á destrución e o esquecemento do noso patrimonio e da nosa historia continúa sen imparable remisión. Aproveiten e gocen do pouco que queda.

 

Por Rafael Quintía

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:09 pm  Deixar un comentario  

O Pazo de Matalobos

O pazo de matalobos (Salcedo):

Antiga  casa señorial galega tristemente abandonada e en estado de total ruína que se atopa no Monte do Castro, lugar de Matalobos, Salcedo. Aínda se pode observa-lo gran tamaño de lareira e do forno de leña que había no que antano foi a cociña da casa.

Estas fermosas e misteriosas ruínas de pedra e carriza, rodeadas pola vexetación, semellan sacadas dun cadro de Friedrich e a xeito de estampa romántica devólvennos a un tempo pasado de pazos, señoritos e tardes de verán á sombra dunha pérgola. 

É tristre ver como os propietarios deixan ó total abandono parte do noso patrimonio e da nosa historia. Preguntémonos onde está aquí patrimonio. Quizais cun pouco de sorte este nobre caserón acabe algún día restaurado e convertido en casa de turismo rural ou algo semellante que é o que se leva. Aínda que  posiblemente acabe derruído para converte-lo soar nunha cara urbanización de chalets adosados a 5 minutos de Pontevedra.

 

Por Rafael Quintía

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:08 pm  Deixar un comentario