ASOCIACIÓN XUVENIL A LANDRA

Comezou a súa andadura no verán de 2001, cando recén construída a casa da cultura de Marcón se lle quixo dar un bo fin. O  promotor da idea foi Xosé Cuñarro, presidente da comunidade de montes, quen un bo día reuniu uns trinta mozos para levar adiante tal proxecto.

 

Dende aquela a Asociación Xuvenil A Landra tentou ampliar as actividades culturais e de lecer de todos os nos@s veciñ@s.

 

Houbo diversos cursos na casa: aeróbic, bailes de salón, manualidades e corte e confección, bailes latinos, gaita e pandeireta…Tamén A Landra organizou  excursións que  tiveron moito éxito como a de Santo Andrés de Teixido, Allariz, Canón do Sil, Santa Tegra, Asturias….e un sinfín de recantos cheos de encanto e beleza.

                  

Dende A Landra intentamos achegarlles ós nosos rapaces e á xente nova as nosas tradicións, e recuperamos o maio. Ó principio foi idea da Landra e agora participan os pais e nais da  APA do colexio de Marcón. Participamos cos nenos na Ferreiría e en Combarro. Para nós é un orgullo retomar unha tradición tan antiga, que une  cativos, mozo e maiores. E ás veces, ademais da rosca, gañamos un premio, como o ano pasado; que acadamos o 2º premio ás coplas.

 

No 2004 e no 2005 fixemos un serán a proposta do grupo de gaiteiros “Os Chichisos”, que nos deron  a idea, contáronnos como se facía, e conseguiron as pandereteiras e gaiteiros que viñeron  actuar. Inda que ós maiores de Marcón lles custou implicarse e poñerse a bailar e tocar, foi unha experiencia inesquecible.

 

Grazas á colaboración do Concello de Pontevedra e da Comunidade de Montes que nos subvencionou, empezamos, xa hai 3 anos, cun ciclo de teatro. Esta actividade, o III ciclo de teatro, que facemos a principios de ano, entre Reis e Entroido, todos os domingos, ten gran aceptación e cada día sorpréndenos máis a alta participación xa que hai domingos que non temos cadeiras para toda a xente que vén  ver as obras.

 

O que nos gustaría como directiva é que cada ano se incorporase xente emprendedora, membros novos de cada lugar da parroquia, para seguirmos con aire renovado, novas actividades e novas ideas, para que os nosos veciños non teñan que saír da parroquia para pasalo ben.

 

 

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:40 pm  Deixar un comentario  

ASOCIACIÓN DE DEFENSA AMBIENTAL VAIPOLORÍO

“Asociación de Defensa Ambiental Vaipolorío”


Vaipolorío nace da necesidade de recuperar o río dos Gafos, ante a deterioración medioambiental que estaba a sufrir e a falta de preocupación das distintas institucións que se supón que teñen que velar pola súa saúde. Vendo que a resposta institucional non chegaba, un grupo de veciños e veciñas dos concellos de Vilaboa e Pontevedra decidiron poñerse “mans á obra” e levar adiante a tarefa de recuperar o dito río. Nun principio as asociacións Asociación Cultural Chan do Vilar de Figueirido, Asociación de Veciños San Andrés de Figueirido, Asociación Cultural O Toxal de Bértola, Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza, Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Asociación de Veciños Río Gafos levaron a cabo as primeiras actuacións no río, se ben despois por cuestións de operatividade e funcionamento creouse Vaipolorío.   Vaipolorío é un colectivo legalmente constituído en novembro do 2001 e o seu ámbito territorial de actuación son os concellos de Vilaboa e Pontevedra. Ten o seu domicilio social en Preescolar de Cabanas, Salcedo, Pontevedra. A existencia deste colectivo ten como fins:A promoción, o coidado, a defensa, a limpeza e o mantemento do río dos Gafos, así como todas aquelas actividades e accións que vaian en beneficio do dito río e do seu ctorno, contorno en todo o seu percorrido, dende o seu nacemento en Figueirido (Vilaboa) ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra. Para o cumprimento destes fins realizan as seguintes actividades:·        Limpeza periódica do río e das súas marxes.·        Camiñadas.·        Obradoiros medio ambientais.·        Catalogación de flora e fauna.·        Recuperación da toponimia e da memoria fotográfica. ·        E outras actividades complementarias.  Vaipolorío constituíuse con 35 socios fundadores e non existe cota ningunha.Vaipolorío considera que cada persoa que participa nas actividades, pasa a formar parte deste colectivo.  Teñen a honra de ser “Premio Cidade de Pontevedra 2001”, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións pola defensa do medio ambiente natural, e “Premio Amigos de Pontevedra 2004”, outorgado pola Asociación Amigos de Pontevedra, no apartado de institucións polo traballo de recuperación do río dos Gafos.  Máis información: http://www.vaipolorio.com  tfno:67684294


 

Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:48 pm  Deixar un comentario  

Asociación Verbo Xido

“Asociación Verbo Xido”


O 24 de febreiro de 2001 foi fundada en Soutelo de Montes (Forcarei) Verbo Xido, unha asociación ecoloxista e cultural, plural e aberta, creada para o fomento, a potenciación e a difusión do noso contorno medioambiental e paisaxístico e para a denuncia das desfeitas contra o patrimonio. O ámbito de actuación está delimitado polos tres concellos integrados na Terra de Montes (Forcarei e Cerdedo, na provincia de Pontevedra, e Beariz, na de Ourense).Contando co apoio de pouco máis de medio cento de socios, mínimas achegas procedentes da Xunta de Galicia e a indiferenza dos tres concellos —agás contadas excepcións—, en seis anos fomos quen de desenvolver un amplo catálogo de actividades nas que participaron milleiros de persoas, a maior parte delas procedentes de fóra da Terra de Montes, das que boa parte acabaron por se converter en novos veciños, aínda que os seus enderezos estean lonxe dela.En paralelo, Verbo Xido veu mantendo una relación directa e constante cos propietarios do Museo Etnográfico da Terra de Montes (Cetmo), situado en Soutelo, facendo un labor de promoción e divulgación, ademais de contribuír nos gastos de mantemento. No Cetmo organizamos exposicións sobre a artesanía en Etiopía ou do fotógrafo Sebastião Salgado, ademais de servir de escenario de encontros con escritores da comarca Deza-Tabeirós-Terra de Montes. En paralelo, Verbo Xido ocupouse de facer de guía das visitas organizadas, das que boa parte tiveron como protagonistas a alumnos de centros escolares de distintos puntos da provincia.No eido divulgativo figura a edición de traballos para dar a coñece-la obra de Frei Martín Sarmiento, a quen dedicamos unha xornada no mes de Nadal para facer un roteiro seguindo os seus pasos polo concello de Cerdedo no século XVIII, así como a edición de distintos folletos. Outro cerdedense do que puxemos a súa obra en valor é Otero Espasandín, que figura na ampla lista de represaliados trala Guerra Civil e tivo que fuxir de España.A colecta que fixo posible erguerlles un monumento ós represaliados pola ditadura franquista, situado en Pedre (Cerdedo), a identificación dos asasinados de Cerdedo, o posicionamento crítico diante da proliferación irracional dos parques eólicos, a demanda de que Celulosas sexa pechada, a defensa doutra política forestal que se asente nas especies autóctonas, a cultura material e inmaterial, a música e a poesía foron os eixos das charlas celebradas baixo o epígrafe dunha iniciativa posta en pé por Verbo Xido á que chamamos Terra de Todos, que se celebra na primeira fin de semana de agosto.  Tamén amosámo-lo noso rexeitamento á guerra contra Iraq (tan ilexítima como todas) e a solidariedade co mar cando a incompetencia do Goberno central converteu o accidente do Prestige nunca catástrofe, organizando un festival en Pedre (Xaneiro de 2004) ó que acudiron centos de personas.Verbo Xido está a realizar estes traballos en tres concellos que teñen características comúns: a aplastante maioría do Partido Popular, unha poboación moi avellentada, un modo de vida en extinción (agrícola e gandeiro), mínimas alternativas laborais e socioculturais e un descenso poboacional que nas últimas décadas provocou que o censo se reducise case nun 50%.  

Published in: on Novembro 16, 2007 at 3:10 pm  Deixar un comentario