O AVE (a) por Cerdedo

O AVE (a) por Cerdedo

          Meu dito, meu feito. Irrompe inexorábel o inverno e a mingua dos días virá de ganchete co agoiro do tren-alustro. A enchente de ferralla e formigón alagará o val de Cerdedo e, mentres en pé se teña, a mole cincenta asombrará a conca do Lérez, a aldea de Folgoso, a ermida do Pegho, o coto de Mámoas, a Torre dos Mouros, a Veigha dos Muíños… Xa nada volverá ser coma antes.

A terra das cerdeiras ou dos carballos –pois Cerdedo é un lugar complexo mesmo na súa toponimia– leva meses ocupando a primeira plana dos rotativos: que se é o lugar idóneo para relocalizar unha pasteira, que se a vaga de lumes, que se decidiron a sorte da Deputación, que se outro atentado contra o monumento aos mártires de Pedre, que se o lobo comellón…, e o AVE. Xamais nunca se lle emprestara tanta atención a este relanzo da montaña pontevedresa.

Cerdedo, a valgada dos ríos Castro e Seixo, alí onde o Lérez se fai xente, malia os desatinos ambientais cometidos, segue sendo un paraíso. Cando menos, a alguén aínda llo parece. Decimado pola emigración de sempre e o imposibilismo de hogano, o vello “Ceresetum” ou “Cercetum”, á raxeira dunha decadencia subvencionada, disfrázase de vila, agachando tras os prefabricados e os farois “isabelinos” a súa esencia aldeá, a súa verdade.

Xestionando asisadamente o patrimonio material e inmaterial, a harmónica herdanza dos nosos devanceiros, pódense abofé resucitar lugares deprimidos. Son abondosos os exemplos –e non vou empregar o do concello ourensán que todos coñecemos–. Pregúntome cal será o engado que empregan os propietarios das casas de turismo rural da zona para atraer os seus clientes: monotonía forestal?, parcelamentos tarde, mal e porcamente?, parques eólicos?, hidroeléctricas?, vereas intransitábeis?, “feísmo” en xeral? E o AVE.

A “alta velocidade” non é “unha Nosa Señora de ferro”, a bela metáfora do ferrocarril loado por Curros no seu “Aires da miña terra” do ano 1880. O AVE non fecundará os terreos de Cerdedo, nin espertará os homes –agás cando faga soar a bucina–, nin vai facer “frolecer” os eidos. O AVE non achegará á aldea nin a fartura, nin a luz, nin o progreso. O viaduto, o tunel e a entulleira, que serán os cachos de torta de “progreso” que coma Cerdedo, suporán renunciar definitivamente á posta en valor da súa singularidade como estratexia de supervivencia. E non che é mala estratexia, mentres agardamos por un mesías que lle dea outra oportunidade á agricultura ou que teza de vez o encaixe industrial.

Cerdedo en troco do ben común, en troco do interese xeral, escoitarase con vehemencia. Mais non tal. O AVE é un capricho de novos ricos. Si, nós, a unha xeración da miseria, ataviados de “Armani” e co cu rachado. Todos laian polo tren de primeira e para os de primeira (aqueles que mercadorean en Madrid), mentres o ferrobús de terceira, que é no que viaxa e viaxará o común, cómpre empurralo nas costas, asoballa xente nos pasos a nivel e para usalo é indispensábel posuír o título de cosmonauta polo demorado das viaxes.          

É comprensíbel que os da capital de España queiran ter a beatífica paisaxe galega no cabo da escaleira. É coñecido o interese das construtoras (ou destrutoras) para que así sexa. O artigo “Contra o despotismo da velocidade”, extraído da “Encyclopédie des Nuisances”, é certeiro cando afirma que o pulo da viaxe nace moitas veces no desexo de ir buscar noutra parte xa non o novo, senón o vello, é dicir aquilo que un viu destruír alí onde vive. Mais nós, os outros galegos, os afastados do apeadoiro, tamén temos dereito a vindicar o noso pan de mañá e a chegar a Lugo con día.

Antes de que os bulldozers e as padexadoras braden famentos na valiña, antes de que lles deixemos levar devesas, poulas e estivadas a prezo de saldo; antes de que dende os rueiros despoboados nos sorprendamos ollando babiolos o galgar do convoi –Cerdedo xa sempre por debaixo–, salientaremos unha vez máis cal é o verdadeiro ouro negro da aldea e do que aínda hai xenerosas anque limitadas reservas: a beleza e o silencio. Ollo ao tren!

 Carlos Solla

Advertisements
Published in: on Decembro 6, 2010 at 8:03 pm  Deixar un comentario  

Lembranza dos represaliados en Terra de Montes

Published in: on Decembro 6, 2010 at 7:23 pm  Deixar un comentario  

CARRIL BICI? EN PONTEVEDRA NON.

É unha pena que Pontevedra estea a perde-la posibilidade de se converter na cidade pioneira en Galicia no uso da bicicleta, que tamén é indicador de calidade de vida e aposta pola sostibilidade. Non chego a entender como despois de realiza-lo grande investimento que supón o logro da peonilización da cidade non se tiveron as miras de futuro e a sensibilidade ecolóxica necesaria para dotar a Pontevedra dun carril bici en tódalas rúas transformadas e a súa extensión cara ó exterior da vila para facilita-lo acceso en bicicleta das xentes das parroquias, que tamén existe e votan.  Temos unha capital sen apenas costas e cun tamaño idóneo para percorrela en bicicleta. Cun gran número de centros de ensino ós que a nosa mocidade podería desprazarse en bicicleta, ó igual que fan na maioría das cidades civilizadas do norte de Europa, e ademais temos un grave problema de tráfico que cómpre solucionar.

 

A bicicleta é unha boa alternativa.  Só hai que pó-los medios necesarios para que moverse nela non supoña un deporte de alto risco,  facilitar lugares seguros onde aparcalas e facer unha campaña de concienciación cidadá para fomenta-lo uso do medio de transporte máis económico, silencioso, saudable e limpo que existe.

 

 Agora, unha vez feito o gasto danse de conta,  e queren fomenta-lo seu uso pondo 100 bicis a disposición da cidadanía e dos turistas para que percorran a nosa cidade. Espero que poñan tamén 100 médicos máis no ambulatorio para atende-las múltiples feridas dos accidentados kamikazes que se atrevan a lanzarse en bicicleta no caos circulatorio de Pontevedra. Iso se atopan unha das 100 bicicletas, porque por descraza carecemos da cultura cívica de Suíza,  e se algo abunda nestes lares son os amigos do alleo. A isto chámaselle empeza-la casa polo tellado, pó-lo carro diante dos bois ou simplemente tomarnos por parvos.

 

Se noutras vilas europeas e mesmo de España, véxase o exemplo de San Sebastián,  existe carril bici porque aquí non. Quizais é unha simple cuestión de educación…e cultura.

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:47 pm  Deixar un comentario  

REFUXIOS PARA NON ESQUECER

Ás veces é bo lembra-la importancia que ten para un pobo que aspire a un futuro mellor o manter viva a súa memoria histórica. Este ano cúmprense 70 anos da Guerra civil española, coas tráxicas consecuencias que esta contenda tivo para o noso país e as nosas xentes.  Por iso é importante conservar e dar a coñece-los poucos vestixios ou restos que aínda perduran desta  guerra.

 

É imprescindible a urxente restauración, conservación  e protección dos dous carteis indicativos de “REFUGIO PARA ATAQUES AEREOS” que aínda se poden atopar na nosa cidade, en concreto na rúa Andrés Mellado e na rúa Xeneral Martitegui. É de suma importancia que a xente nova saiba que no ano 36 houbo neste país un levantamento militar contra a constitucionalidade vixente que causou unha guerra cruel na que a xente se matou entre irmás. É vital que a xente saiba que igual que ocorreu  na Ex – Iugoslavia, igual que ocorre hoxe  en Iraque e en tantos sitios e guerras que agora podemos ver en directo todolos días pola TV á hora de comer, aquí na nosa cidade a xente matouse entre ela ,  foi asasinada ou represaliada e moitos dos nosos pais ou avos tiveron que refuxiarse aterrorizados polo horror da guerra e o son das bombas nun deses refuxios polos que agora pasamos sen sabe-lo que foron, para que foron e o que significaron  eses lugares anónimos na vida e na historia deste país.

 

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:46 pm  Deixar un comentario  

MELLOR FICO NA CASA

Ás veces é mellor ficar na casa, e se pode ser sen acender a TV, nin a radio e por suposto nada de ler xornais. Sobre todo se un aspira a ser feliz. Por algo se di que a ignorancia fai a felicidade.  O malo é que ás veces neste país da néboa e da choiva sae un bo día e un, irresponsable, séntese con ganas de dar un paseo. E aí é onde comeza o problema ou “tour-tura”.

 

O outro domingo, día fresco pero soleado, fun dar un paseo polo Lago de Castiñeiras, lugar de lecer de sobra coñecido como para que as Administracións, Concellos, Deputación ou demais familia lle presten o coidado requirido.

 

O caso é que me decidín por visita-la última mámoa descuberta e escavada non hai moito. A idea era sacarlle unhas fotos antes de que lle pase unha estrada ou pista por riba, e gozar dun monumento funerario de máis de 5000 anos de antigüidade, que se di axiña, e que polas súas dimensión e estado de conservación é un dos máis impresionantes que temos na nosa provincia.

 

O dolmen, como é habitual neste país de suicidas culturais e paletos da modernidade, non ten ningún tipo de panel informativo ou explicativo da súa orixe, utilidade e importancia histórica. Tampouco ten ningún tipo de protección (será para achega-la cultura ó pobo e de paso ós vándalos e terroristas do patrimonio que tan ben medran nesta terra). Dende logo, ningún sinal indica a existencia de tan importante monumento, e para facilitar aínda máis o seu coñecemento atópase cheo de xestas e todo apunta a que oposita ó total abandono, como ten que ser. 

 

Un pouco máis adiante, ó carón dun camiño que vai cara á entrada do lago, atópase outro dolmen. Este si aparecía mencionado nun folleto turístico editado hai tempo, pero nin iso lle serviu para gozar dunha especial atención e conservación. Hoxe podemos gozar de catro pedras medio caídas, cubertas polos toxos e maleza e reutilizado como colector de lixo para que algúns domingueiros irresponsables e analfabetos deixen alí os restos das súas merendas… así rebenten por porcos, con perdón do santo cocho.

 

Pero iso non é todo, para que vexan o especial coidado que se lle presta a un dos complexos megalíticos máis interesantes do noso contorno e poidan seguir gozando do noso patrimonio histórico-artístico, recoméndolles que baixen pola estrada que vai cara a Domaio, e a un par de quilómetros de Castiñeiras á man esquerda, fronte ó cruzamento que vai ó picadeiro, poden atopa-los restos doutro dolmen cada vez máis degradado e profanado.

 

Se miran dentro, poderán ver outro exemplo de colector megalítico de lixo. Imaxinan vostedes utiliza-lo sarcófago do Apóstolo como colector de lixo ou WC campestre, ou ir merendar á Catedral de Santiago e deixa-lo lixo tirado nun curruncho. Sería impensable. Pero neste país unha persoa non pode entrar en determinados monumentos cristiáns en pantalón curto pero si pode cagar dentro doutros monumentos, ou non se pode por unha pancarta nun edificio do século pasado pero si se pode por unha torreta ou unha estrada enriba dun de 5.000 anos. É que ata no patrimonio hai clases.

 

Pero se despois deste interesante paseo cultural, e de non poder atopar ningún dos gravados rupestres que hai ciscados, quen sabe onde, polas inmediación de Castiñeiras, se aínda así segue con ganas de coñece-lo noso patrimonio, convídoos a facer unha parada no monte das Croas, en Salcedo, baixando de Castiñeiras cara a Pontevedra.

 

 

Aparquen o coche ó carón do cruceiro sen cruz e suban polo camiño da dereita ata o alto do monte. Gocen, se a atopan, dun posible miliario ou pedra fita de 2 m tirada no chan entre as xestas, gocen dun castro semi escavado, e da esterqueira e recheos de terra que a modo de miradoiro nos permiten gozar da vista dalgún dos moitos muíños abandonados e en ruínas  que entre a maleza e o lixo existen ó carón do río cloaca no curto treito que vai dende a ponte do Batán ata a pequena fervenza que existía antes da trincheira e a canalización do río por baixo da autoestrada. Da ponte do Batán cara a arriba aínda hai máis muíños, que forman un complexo etnográfico digno de conservar e coñecer, aínda que só sexa polo simbolismo e a importancia que tiveron os muíños como lugares de creación e divulgación da nosa cultura musical na nosa historia. 

 

Como poden ver, todo un mundo de posibilidades para coñecer e gozar coa nosa historia, cultura e patrimonio en apenas 5 km.

 

O triste deste asunto é que non se trata dun caso illado nas parroquias de Salcedo ou Figueirido, senón que este abandono, esta deterioación, todo este terrorismo patrimonial e  esta desidia institucional é algo común a todo o territorio de Galiza e ,como unha praga bíblica ou como un xenocidio cultural, espállase por todo o país ata que esmoreza todo ese patrimonio, tanxible e intanxible.

 

Por iso penso que a pena é que todo este tesouro cultural non estea na Franza ou na Alemaña. Así poderiamos pagar unha entrada para velos, visitar un museo sobre a cultura megalítica e castrexa, ou sobre o vello oficio de muiñeiro; poderiamos mercar unha camiseta de 10 € co debuxo dun rodicio e que puxese “Die muiños von München” e facernos fotos diante destes monumentos, con cara de interesante e roupa de Coronel Tapiocca para despois amosárllelas ós nosos amigos á volta das vacacións mentres lles contabamos o incrible do visto.      

 

É que definitivamente, é unha pena que todo ese tesouro cultural se atope nun país ó que chaman Galiza. 

 

 

 

Published in: on Novembro 19, 2008 at 12:46 pm  Deixar un comentario  

MIRANDO Ó FUTURO

“Mirando ó futuro”             

Sempre queda moi ben iso de dicir que miramos ó futuro. Dá unha imaxe de modernidade  e progreso, moi vendible no noso tempo. O problema é cando de tanto mirar ó futuro descoidámo-lo  presente, que é o que nos toca vivir e o que garantirá o noso futuro. Pero para construírmos un futuro digno debemos saber de onde vimos e o que somos, e para iso hai que mirar ó pasado e polo pasado, para conservar ese patrimonio material e inmaterial  que fai que sexámo-lo que somos. Sen saber quen somos e se non solucionámo-los problemas  do presente, dificilmente poderemos crear un futuro digno que mereza a pena, por iso coido que sería máis axeitado que a nosa Deputación e Administración en xeral mirasen polo noso presente e coidasen do noso pasado.

 

Sr. Pereira

Published in: on Novembro 30, 2007 at 2:50 pm  Deixar un comentario